O xoves 7 de maio o alumnado de 1º da ESO participou nun obradoiro organizado por Marcos Guiadanes do programa “Bosque Atlántico”.
O principal obxectivo da actividade foi achegar ao alumnado, dun xeito visual e lúdico, a través dunha charla e dun xogo, coñecementos sobre o Bosque autóctono propio das Rías Baixas. Dentro dos obxectivos a destacar está o recoñecemento de 25 especies de árbores autóctonas (destacar que esta actividade aproveita para divulgar o nome en galego das nosas árbores autóctonas), aprender a diferenciar un bosque dunha plantación, recoñecer especies foráneas invasoras, concienciar sobre a importancia da variedade de árbores autóctonas para que exista biodiversidade e por tanto un equilibrio ecolóxico e para evitar problemas que traen as plantacións de eucalipto e pino como son os incendios, a perda de auga nos solos, a erosión do mesmo.
Entre as especies de árbores que vimos están a: abeleira, loureiro, amieiro, bidueiro, érbedo, espiño, freixo, sabugueiro, pradairo, sobreira, castiñeiro, acivro...
Este tipo de charlas son fundamentais para entender a importancia da biodiversidade e concienciar na toma de decisións responsables na vida adulta que contribúan a recuperación do Bosque Atlántico, cando formen parte de comunidades de montes ou teñan que tomar decisións sobre o territorio.
