Marta Rey, coordinadora de proxectos internacionais do IES de Teis, estreouse no posto participando nas Xornadas de Mobilidade Erasmus+ de Formación Profesional KA121-VET, organizadas polo SEPIE (Servicio Español para la Internacionalización de la Educación) en Jaén.
O KA121-VET é o noso proxecto acreditado Erasmus+, que ofrece bolsas ao alumnado de FP Básica e de ciclos medios, e ao profesorado que imparte neses ciclos, para formarse e facer prácticas noutros países europeos.
Durante dous días intensos falouse da xestión dos proxectos, das distintas modalidades de mobilidade, da inclusión e da difusión. Un dos momentos máis emocionantes foi escoitar en primeira persoa a alumnado con necesidades educativas especiais contar a súa experiencia de mobilidade.
A nosa coordinadora volve cunha chea de ideas para seguir ampliando o camiño que o IES de Teis xa leva tempo percorrendo en Europa, e para que cada vez máis alumnado e profesorado poidan vivir esta experiencia. Así dá continuidade ao labor feito con moito traballo e cariño nos últimos anos.
Ademais, puido conversar con coordinadoras e coordinadores de todos os recunchos de España e aprender das súas experiencias, especialmente cos compañeiros e compañeiras dos centros galegos. Houbo tempo tamén para coñecer un chisco de Jaén e gozar da hospitalidade da súa xente.
Moitas grazas ao SEPIE pola organización, a proximidade e o acompañamento. Seguimos!



