Durante o curso 2025/2026, o IES Moncho Valcarce participou no Proxecto Ríos de ADEGA e no Plan Proxecta co proxecto “Ríos de vida: explorando o Eume a través da ciencia cidadá e a interdisciplinariedade”, no que o alumnado de 1º de ESO se achegou ao coñecemento, conservación e posta en valor do río Eume e dos seus ecosistemas de ribeira.
Ao longo do curso realizáronse saídas de campo á Fraga do Eume, nas que o alumnado puido observar o estado do río, tomar mostras de auga, analizar parámetros físico-químicos e identificar elementos da flora e da fauna de ribeira, achegándose así á investigación científica desde o contacto directo coa contorna.
O proxecto desenvolveuse de maneira interdisciplinar, implicando materias como Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua Galega, Inglés, Francés, Educación Plástica, Proxecto Competencial e o Club de Ciencia. O alumnado elaborou pósters, trípticos, maquetas de depuradoras, ilustracións, estampacións e cianotipias, ademais de investigar sobre a biodiversidade e o patrimonio do Eume.
Como peche do proxecto, todo o traballo realizado foi presentado en Ponte nas Ciencias, onde o alumnado tivo a oportunidade de compartir os seus coñecementos e experiencias coa comunidade educativa e coa cidadanía, converténdose tamén en divulgadores científicos.
Unha experiencia que permitiu aprender ciencia facendo ciencia, coñecer mellor o patrimonio natural e cultural da nosa contorna e, sobre todo, fomentar no alumnado unha maior sensibilización ambiental e compromiso coa conservación do río Eume.