Durante o curso 2025/2026, o IES Moncho Valcarce participou no Plan Proxecta+ co proxecto “A comunidade do Moncho móvese”, unha iniciativa destinada a fomentar a actividade física, os hábitos de vida saudables e unha utilización activa do tempo de lecer.
Ao longo do curso puxéronse en marcha numerosas propostas para implicar a toda a comunidade educativa: a creación do circuito biosaudable “O Moncho móvese”, retos físicos bimensuais, patios activos, torneos e talleres deportivos, actividades de rugby coa colaboración do club Fendetestas e formación en RCP.
O proxecto tamén permitiu descubrir novas formas de practicar actividade física fóra do centro, con experiencias como o Camiño de Santiago, a escalada ou o surf, ao tempo que diferentes materias traballaron de maneira interdisciplinar arredor do deporte e os hábitos saudables. Entre estas propostas destacou a creación da canción e coreografía “O Moncho móvese”, elaborada polo alumnado de 3º de ESO.
Un dos grandes valores do proxecto foi precisamente a implicación activa do alumnado, que participou non só como destinatario, senón tamén na creación, organización e desenvolvemento de moitas das actividades. En total, máis de 120 alumnos e alumnas participaron nos torneos e actividades deportivas, e arredor de 70 persoas nos retos físicos.
Un curso para moverse, compartir, aprender e descubrir novas formas de coidarnos. Porque no Moncho, este ano, móvese toda a comunidade!