Saltar navegación

Actividades de Moodle

Na tarefa anterior engadimos recursos de Moodle ao curso virtual. Agora imos engadirlle actividades aproveitando as posibilidades de Moodle. E noutra actividade posterior coñeceremos os instrumentos de avaliación de Moodle.

Actividades

Informámonos

O labor docente actual esixe manexar recursos educativos moi diversos en moitos formatos, xestionar a entrega e recollida de traballos e tarefas en soporte dixital, levar á aula secuencias didácticas cheas de contidos multimedia,...

  • Como xestionar os contidos dixitais?
  • Como podemos facilitar ao alumnado o acceso ás secuencias didácticas creadas para eles?

Un curso virtual aporta solucións a todo isto pero nun curso virtual...

  • Como podemos integrar as secuencias didácticas creadas con eXe?
  • Que tipo de recursos temos á nosa disposición?
  • Qué actividades podemos organizar e xestionar nun curso virtual?

Nesta tarefa deberemos atopar respostas a estas cuestións, e a moitas outras.

Manual de Moodle, versión 2.6 será o noso principal recurso para coñecer os recursos e actividades que facilita Moodle aos creadores de cursos virtuais. Coas actividades asociadas a cada un dos recursos e a cada unha das actividades aprenderemos a usalos e incorporalos no noso curso virtual.

Actividades de Moodle

Na tarefa anterior comezamos a engadir contidos ao curso virtual cos recursos de Moodle. Moodle, ademais, facilítanos actividades, outro tipo de contidos que podemos inserir no noso proxecto final do mesmo xeito que inseriamos os iDevices en eXe.

  • Mediante as actividades o alumnado participa e interactúa de xeito activo. Aquí a actividade do alumnado é imprescindible:
    • Foro no que comunicarse, debater...
    • Tarefa coas instruccións e especificacións dos traballos ou accións que deban realizar e entregar nalgún formato dixital para ser comentados e cualificados pola titoría.
    • Glosario, actividade colaborativa pensada para elaborar un pequeno catálogo de termos sobre unha temática concreta. Cada un pode colaborar na súa elaboración.
    • Base de datos na que o alumnado pode engadir información compartida co seu grupo.
    • Wiki para crear traballos colaborativos nos que cada un poida engadir a súa aportación e mesmo editar as aportacións dos outros.

Para coñecer as actividades de Moodle e poder empregalas nos teus cursos virtuais segue esta secuencia:

  1. Infórmate sobre a actividade consultando o manual de Moodle 2.6 que atoparás máis abaixo.
  2. Observa o seu formulario de configuración. As capturas de pantalla dos formularios de configuración das actividades serán de gran axuda para practicalas e saber incorporalas ao teu curso virtual.
  3. Comproba o resultado e aplicación dese recurso ou actividade na aula virtual, en MetaSecuencias.

Realiza aquelas actividades que sexan do teu interese. Prescinde das actividades asociadas a aqueles recursos aos que non lle vexas aplicación na túa práctica docente.

A tarefa final consitirá en incorporar actividades no teu curso virtual, que será o proxecto final deste curso. Engade actividades relacionadas coa temática da secuencia didáctica que desenvolvas no curso virtual.

Actividade 1. Fornecer un espazo público para dialogar, debater, consultar dúbidas...


[UPM Moodle 2.6, 135-141]

O Foro é unha ferramenta de comunicación e traballo que pode verse como unha lousa de mensaxes en liña onde profesorado e alumnado colocan novas mensaxes ou responden a outros antigos creando así, fíos de conversación.

Cada intervención queda rexistrada no sistema co nome do seu autor e a data da súa publicación, de forma que seguir unha discusión é doado. Moodle permite crear distintos tipos de Foro, dando a posibilidade de incorporar arquivos adxuntos e mesmo valorar as intervencións dos usuarios. Tamén é posible subscribirse, recibindo por correo electrónico cada nova intervención.

Formulario de configuración:

Actividade 2. Presentar actividades e tarefas das que queira recoller a resposta, traballo... do alumnado.


[UPM Moodle 2.6, 158-174]

Unha "Tarefa" é unha ferramenta para recoller os traballos do alumnado dun curso. O profesor exporá un enunciado e os alumnos traballarán sobre o mesmo para finalmente enviar unha solución a través da propia tarefa. O módulo "Tarefa" permite aos alumnos dunha maneira doada, subir documentos en practicamente calquera formato electrónico. Os documentos quedan almacenados para a súa posterior avaliación á que pode engadirse un feedback ou comentario que chega de forma independente ao alumno.

A solución dunha "Tarefa" non ten que consistir necesariamente en subir uns arquivos á plataforma, existen tarefas nas que o alumno pode escribir directamente a solución na propia tarefa ou que servirán para coñecer o enunciado, datas de entrega e cualificación de traballos entregados fisicamente na aula.

Formulario:

Actividade 3. Crear unha estrutura organizada para transmitir e/ou recoller datos.


[UPM Moodle 2.6, 206-212]

É unha Actividade na que os alumnos deben incorporar datos mediante un formulario deseñado polo profesor. As entradas poden conter texto, imaxes, ficheiros e outros formatos de información que posteriormente poderán compartirse co resto de compañeiros.

Exemplos de uso:

  • Recoller un traballo e facer unha galería para posteriormente expolo e avalialo.
  • Recompilación de URL sobre algún tema educativo.
  • Banco de imaxes relacionadas co curso.
  • Espazo para compartir arquivos.
  • Presentar contidos creados polos estudantes para comentalos ou revisalos polos outros participantes.
  • Proxectos de tipo "Portafolio" electrónico.

Formulario:

Actividade 4. Crear e compartir un glosario con termos do tema do curso e que o alumnado poda engadir entradas.


[UPM Moodle 2.6, 213-217]

Un Glosario permite ao profesorado e ao alumnado crear colaborativamente un dicionario de termos asociados á materia, no que os alumnos poden ser avaliados polas definicións ou comentarios que achegan. Ademais estas definicións poden ser enlazadas desde cada aparición da palabra correspondente na materia.

Formulario:

Actividade 5. Fornecer un espazo público e editable no que os participantes poidan colaborar engadindo a súa aportación.


[UPM Moodle 2.6, 218-223 (en Calameo) 221-226 (no PDF)]

Unha Wiki é un conxunto de documentos Web creados grazas á colaboración dun grupo de usuarios. Basicamente, é unha Web que pode ser creada entre os participantes dun curso sen necesidade de que teñan coñecementos de HTML.

En Moodle, as Wikis poden chegar a ser unha poderosa ferramenta eficaz de traballo colaborativo. Os participantes dun curso poden crear documentos colaborando entre si nun único Wiki, ou cada alumno pode ter un Wiki en propiedade no que os seus compañeiros poderán participar.

Agustín Carracedo, Yolanda García e Pablo Camarero. Colaborar nas Wikis. Licenza de atribución de Creative Commons (reutilización permitida)

Formulario:

Tarefa: Engadir actividades interactivas ao proxecto final

A primeira tarefa desta SD consistiu en definir o teu perfil na aula virtual, crear un curso virtual con Moodle 2.6 e configuralo para destinalo á SD do proxcto final.

Na segunda tarefa comezamos a engadir os recursos de Moodle para incorporar contidos ao curso virtual, mesmo recursos alleos, os paquetes IMS xerados con eXeLearning.

Na terceira tarefa aprenderemos a engadir actividades ao curso virtual nas que o alumnado non é pasivo senón que debe facer algo, interactuar co curso e cos compañeiros: debater en foros, compartir en bases de datos, colaborar en glosarios ou wikis. E continuaremos enchendo de contidos o curso virtual.

E na cuarta tarefa, veremos os mecanismos e instrumentos de avaliación de Moodle para deseñar e crear un sistema de avaliación no noso curso virtual: escollas, probas, leccións, talleres... todo un abano de posibilidades.

Engrenaxes
Imaxe derivada de  Nemo  Engrenaxes  CCO 1.0  por @agustincs CCO 1.0

Que actividades é obrigatorio engadir no proxecto final? Pois aquelas que ti queiras, aquí presentámosche diferentes posibilidades, elixe e practica agora aquelas que poidan interesarche, aquelas que sospeites se adaptan ás túas necesidades... para aprender a aplicalas e resolver agora, durante o curso, as dúbidas e problemas que xurdan.

Estas son as especificacións que debe cumprir a tarefa:

A tarefa é individual e avaliarémola máis adiante con esta rúbrica que xa coñeces dende unha triple perspectiva: Auto, co e heteroavaliación nun taller na aula virtual. Polo de agora podes aplicala para autoavaliar o teu traballo.

Imaxe do documento en PDF coa rúbrica de avaliación.
Rúbrica de avaliación. Dominio público

Webgrafía

Manual de Moodle 2.6:

Código QR de acceso ao manual da UPM sobre Moodle 2.6 en liña. Abre ventá nova Código QR de acceso ao manual da UPM sobre Moodle 2.6 en pdf. Abre ventá nova
Calameo PDF

Universidad Politécnica de Madrid, “Moodle 2.6 para el profesor” [En liña]. Dispoñible: http://es.calameo.com/read/003486102bcf1abae21eb. [Consulta: 26-outubro-2014] .

Universidad Politécnica de Madrid, “Moodle 2.6 para el profesor.” [En liña]. Dispoñible: http://serviciosgate.upm.es/docs/moodle/manual_moodle_2.6.pdf. [Consulta: 26-outubro-2014].

Esta é a versión de Moodle que está a implementarse nos centros de Galicia. Neste curso remitiremos a este manual para aprender, consultar dúbidas... sobre Moodle. Cun lector de códigos QR accédese ao manual en Calameo ou en PDF, na web da Universidade Politécnica de Madrid, para consultarlo en liña en formato pdf ou para descargarlo. Premendo co rato nos códigos QR ábrense os manuais nunha lapela ou ventá nova no navegador. Para afondar no coñecemento de Moodle podes consultar o seguinte manual:

Código QR de acceso ao manual de LMFormación: "Manual de moodle 2.6 módulo 4 Actividades en Moodle". Abre en ventá nova.LmFormación, “Manual de moodle 2.6 módulo 4 Actividades en Moodle” [En liña]. Dispoñible: http://es.slideshare.net/eLMformacion/manual-de-moodle-26-mdulo-4-actividades-en-moodle. [Consulta: 25-novembro-2014]

Descarga este módulo en pdf  3 de 5

Manual de Moodle 1.9

Código QR de acceso ao manual de J. M. Lara Fullerat en Calameo. Abre en ventá nova.Lara Fullerat, J. M., “Moodle. Manual de referencia para el profesorado (versión 1.9)” [En liña]. Dispoñible: http://es.calameo.com/read/0003626767d105d827316. [Consulta: 26-outubro-2014].

Manual da versión 1.9, aínda presente nalgúns centros educativos de Galicia.

  

Para consultar o manual da UPM en liña, pulsa "Mostrar retroacción"

creative commons: recoñecemento - compartir igual 4.0