Que son os cursos monográficos e para quen son?
A EOI de Lugo e a extensión de Sarria ofertan cursos de actualización, perfeccionamento e especialización centrados na práctica da expresión oral de distintos niveis da lingua inglesa.
Este tipo de cursos reforzan as destrezas orais do alumnado e estrutúranse en consonancia cos distintos niveis do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas, porén non están orientados a facer un exame final.
Ao rematar os cursos monográficos non se expide ningún tipo de certificación de nivel, porén pode solicitarse un diploma de aproveitamento onde figure o número de horas de asistencia ao curso. Se vostede precisa ou quere certificar un nivel, pode matricularse nos cursos oficiais ou presentarse aos exames de certificación por libre.
Estes cursos están pensados para alumnado:
- que xa ten un nivel da EOI certificado e quere actualizar os seus coñecementos da lingua
- que quere ter un extra de preparación oral para facer un exame de certificación
- que esgotou as convocatorias na EOI pero quere seguir preparándose para presentarse ás probas de certificación por libre
- que quere retomar o estudo dun idioma pero precisa reforzar os seus coñecementos antes de matricularse no seguinte nivel
- que xa completou o itinerario nun idioma pero quere seguir en contacto con el a través da EOI.
Para garantir un funcionamento e aproveitamento óptimo dos cursos monográficos é importante ter en conta o nivel de lingua que se vai traballar en cada un deles. Non é obrigatorio acreditar un nivel para matricularse, pero é moi recomendable ter o nivel de competencia indicado xa que será o nivel no que se imparta cada curso.
![]() |
![]() |










