Requisitos de acceso ás probas de certificación para o alumnado libre
Alumnado libre
- Poderanse matricular nas probas de certificación aquelas persoas que teñan dezaseis anos cumpridos ou que os cumpran no ano natural da convocatoria.
- As persoas menores de dezaseis anos, que teñan catorce anos cumpridos, ou que os cumpran no ano da convocatoria, poderanse matricular nas probas de certificación de idiomas distintos do idioma que cursaran como primeira lingua estranxeira na educación secundaria obrigatoria.
- O alumnado do réxime libre disporá dunha única convocatoria, que coincidirá coa convocatoria ordinaria do réxime oficial.
- O alumnado libre poderá matricularse nos niveis básico A2, intermedio B1, intermedio B2 e avanzado C1 das probas de certificación, previo pagamento dos prezos públicos correspondentes, sen que sexa requisito posuír o certificado do nivel ou niveis anterior(es).
- O alumnado que xa realizara con anterioridade estudos nunha EOI e desexe matricularse polo réxime libre nunha EOI distinta deberá indicar esta circunstancia na súa solicitude de matrícula.
- O alumnado matriculado no réxime oficial no curso actual, que se matricule no réxime libre noutro nivel ou idioma nunha EOI distinta, deberá indicar esta circunstancia na súa solicitude de matrícula.
- Non é posible matricularse por libre dun nivel no que o alumnado estea matriculado polo réxime oficial/That's English!
- Débese facer unha solicitude para cada idioma e nivel no que se desexe matricularse.
Alumnado procedente dos cursos CALC
- O alumnado dos cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) que desexe certificar o nivel que estea a cursar, deberá formalizar a matrícula no centro onde cursou o CALC, seguindo o procedemento establecido, indicando na aplicación web de matrícula o idioma e nivel do curso que está a realizar.
- No suposto de que se trate de profesorado que realizou ou estea a realizar o curso no mesmo centro en que imparte docencia noutro idioma, este deberá formalizar a matrícula noutro centro.
- O alumnado CALC que cumpra os requisitos de asistencia e se matricule para realizar as probas de certificación terá carácter de alumnado oficial para os efectos do número de convocatorias, polo que disporá das convocatorias ordinaria e extraordinaria para superar as probas correspondentes.
- Para acceder ás probas, este alumnado deberá presentar na secretaría do centro, con data límite o 14 de maio, o documento, emitido polo CFR correspondente, onde conste que a persoa cumpre o requisito de asistencia.
- As persoas candidatas procedentes destes cursos non terán que aboar os prezos públicos correspondentes ao concepto de matriculación por idioma, sempre que vaian realizar as probas de certificación do idioma e nivel correspondente por primeira vez. No caso de se matricularen por primeira vez nunha escola oficial de idiomas na Comunidade Autónoma de Galicia, estas persoas deberán aboar os prezos públicos correspondentes á apertura de expediente.
Alumnado procedente dos cursos CUALE
- O alumnado procedente do Programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) establecidos na Orde do 12 de maio de 2011 que desexe certificar o nivel que estea a cursar, deberá formalizar a matrícula seguindo o procedemento establecido.
- O alumnado procedente dos cursos CUALE que se matricule para realizar as probas de certificación terá carácter de alumnado oficial para os efectos do número de convocatorias, polo que disporá das convocatorias ordinaria e extraordinaria para superar as probas correspondentes, unicamente no idioma e nivel cursado no programa CUALE,
Este alumnado non terá que aboar prezos públicos polo acceso ás probas de certificación. Esta exención inclúe o concepto de apertura de expediente académico.
Alumnado procedente do programa That's English!
- O alumnado do programa That’s English! que desexe certificar o nivel que está a cursar deberá realizar a inscrición nas probas, segundo o establecido no apartado 8.4.2 da Instrución 7/2025, agás o alumnado do módulo C1.2
- O alumnado que estea a cursar os módulos A2.4, B1.2 e B2.4 e desexe realizar as probas de certificación terá que indicalo, seguindo o procedemento descrito na instrución de matrícula (apartado 3.3.). En caso contrario, non terá dereito a presentarse en ningunha das convocatorias.
- O alumnado do módulo C1.2 terá que superar as probas de certificación para obter a certificación do respectivo nivel, sen que sexa preciso inscribirse nelas.
- O alumnado inscrito nas probas de certificación terá carácter de alumnado do réxime oficial para os efectos do número de convocatorias, polo que disporá das convocatorias ordinaria e extraordinaria.
- A realización destas probas estará condicionada á superación dos módulos anteriores previstos polo programa That’s English!.
- Este alumnado non terá que aboar prezos públicos polo acceso ás probas de certificación.
![]() |
![]() |










