Adaptación exames-Alumnado Oficial
No artigo 3.9. do Real decreto 1/2019, do 11 de xaneiro1 recóllese o seguinte: No caso do alumnado con discapacidade, o deseño, a administración e a avaliación das probas para a obtención dos certificados terán que basearse nos principios de igualdade de oportunidades, non discriminación e compensación de desvantaxes. Os procedementos de avaliación conterán as medidas que resulten necesarias para a súa adaptación ás necesidades especiais deste alumnado
Para dar cumprimento a este artigo, o alumnado con discapacidade recoñecida oficialmente que se matricule na modalidade oficial e precise unha adaptación das probas pode facer unha solicitude de adaptación de probas cubrindo e achegando o anexo V xunto coa documentación de matrícula. Pódese descargar o anexo V nesta ligazón.
A EOI de Lugo poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes do departamento territorial respectivo para que se determinen as adaptacións pertinentes
O alumnado que xa teña concedida no(s) curso(s) anterior(es) unha adaptación non terá que volver solicitala, a menos que precise actualizar a documentación presentada con anterioridade.
O alumnado que ao longo do curso requira unha adaptación por circunstancias sobrevidas, poderá solicitala seguindo o mesmo procedemento.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlles solicitar a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.
1Real Decreto 1/2019, do 11 de xaneiro, polo que se establecen os principios básicos comúns de avaliación aplicables ás probas de certificación oficial dos niveis Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1, e Avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial (BOE núm. 11, do 12.01.2019).
![]() |
![]() |










