Documentación para formalizar a matrícula nos cursos LAG
Unha vez rematado o proceso de asignación de prazas, as persoas seleccionadas deberán entrar de novo na seguinte aplicación para presentar a documenación correspondente dentro dos prazos establecidos:
www.eoidigital.com/preinslinguagalega
- Unha copia do DNI ou NIE (esta non será necesaria se a persoa xa foi alumna desa escola). No caso de identificarse cun documento distinto do DNI ou do NIE, a persoa aspirante terá que realizar o trámite na secretaría da escola onde se matricule.
- O xustificante de ser persoal dunha das administracións públicas de Galicia en situación de servizo activo.
- Para o curso medio de linguaxe administrativa, algún dos certificados establecidos no número 3 do punto sexto da resolución de matrícula (Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria, segundo se establece no artigo 3.4 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG núm. 121, do 24 de xuño)
- Para o curso superior de linguaxe administrativa, algún dos certificados establecidos no número 4 do punto sexto da resolución de matrícula. (Curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121 do 24.06.2011) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas)
- Un certificado que acredite que a persoa se encontra nunha das circunstancias indicadas no número 4 do punto terceiro da resolución, de ser o caso. (As persoas aspirantes que se atopen nalgunha das circunstancias establecidas no artigo162 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia (DOG núm. 233 do 11.12.2023), farano constar na súa solicitude e terán preferencia no acceso a estes cursos)
- O certificado acreditativo do grao de discapacidade, de ser o caso.
- O alumnado admitido nestes cursos deberá activar correctamente unha conta de usuario “edu.xunta.gal”, con carácter previo á data de inicio do curso e dentro do prazo que fixe a persoa coordinadora dos cursos. De non facelo así, será excluído do curso e incluirase a persoa correspondente da listaxe de agarda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.
De ser ese o caso, a falta de presentación destes documentos no prazo establecido dará lugar á exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada e a escola poderá dispor da súa praza para ser ocupada pola persoa correspondente da listaxe de agarda.
Alumnado con discapacidade recoñecida oficialmente
O alumnado con discapacidade recoñecida oficialmente farao constar na súa solicitude. A escola poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes do departamento territorial respectivo, no prazo máximo dun mes contado a partir do último día establecido para a presentación da documentación (artigo quinto da resolución de matrícula), para que se determinen as adaptacións pertinentes.











