Requisitos para o acceso aos cursos LAG
1. Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio (LAM) e superior (LAS) van dirixidos a empregadas/os públicas/os das seguintes administracións:
- Administración pública da Comunidade Autónoma,das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia
- Administración de xustiza, das entidades locais de Galicia
- Persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do SUG
Non serán admitidas nos cursos as persoas pertencentes aos seguintes colectivos:
- Persoal docente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
- Persoal das escalas dos corpos da policía e de bombeiros de Galicia
- Persoal do Servizo Galego de Saúde. Non se consideran pertencentes ao persoal do Servizo Galego de Saúde as persoas empregadas públicas da Escala de Saúde Pública e Administración Sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, que poderán solicitar a admisión nestes cursos.
2. Toda persoa solicitante deberá encontrarse en situación de servizo activo. As persoas aspirantes que se atopen nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 162 da Lei 7/2023, do 30 de novembro* , para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia (DOG núm. 233, do 11 de decembro) nos dous anos anteriores a esta convocatoria farano constar na súa solicitude e terán preferencia no acceso a estes cursos.
( *Permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento, ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familia).
3. Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa as persoas aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria, segundo se establece no artigo 3.4 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG núm. 121, do 24 de xuño)
4. Para acceder ao curso superior de linguaxe administrativa as persoas aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
5. Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregadas públicas e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos nos parágrafos anteriores. Neste suposto só se poderá optar ás prazas ofertadas para cada curso no caso de que estas non sexan cubertas por empregadas/os públicas/os.
6. As persoas solicitantes destes cursos poderán presentar unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con dúas preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, deberase optar por un só curso nunha soa escola.
7. As persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
- ordenador con conexión a internet
- navegador web
- conta de correo electrónico especificada na solicitude
- micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.
![]() |
![]() |
![]() |











