Que son os cursos Celga e para quen son?
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Mais información aquí: O portal da lingua galega.↩
Na EOI de Lugo impártense cursos preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga). Poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.
Cada curso terá unha duración de 60 horas lectivas.
As persoas solicitantes destes cursos poderán presentar unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, deberán optar por un só curso nunha soa escola.
Contidos e certificación
Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso deberá garantirse a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, as persoas solicitantes deberán ter en conta a definición de contidos previstos no anexo III da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146 do 30.07.2007 (corrección de erros no DOG núm. 178 do 13.09.2007).
A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para as probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga, cuxa expedición lle compete á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As probas para a obtención da certificación véñense convocando dúas veces ao ano pola Secretaría Xeral da Lingua e, de ser superadas, darán dereito á expedición dos correspondentes certificados por parte da Secretaría Xeral da Lingua.
![]() |
![]() |
![]() |











