
I. Decide quen van ser as persoas destinatarias do teu REA.
Preciso dun exemplo
- Decide a etapa e ensinos para as que vas deseñar (Infantil, Primaria, Secundaria...). Entre outras cousas, isto determina o tipo de estilo de eXeLearning que vas empregar.
- Describe ou ten previsto os posibles escenarios nos que vas empregalo (presencial, semipresencial, a distancia).
- E ademais ten en conta que o REA debe dar resposta á diversidade, é dicir, debe posibilitar o acceso á aprendizaxe de todas as persoas ás que vaias ofrecelo. Debes pensar previamente nas características do teu grupo e o rango de competencia curricular que debes abarcar.
Persoas destinatarias
Etapa: Secundaria
Curso: 1º
Modalidade: presencial.
Características do grupo: alumnado de entre 11 e 12 anos con nivel de competencia curricular que oscila entre 3º Ciclo de Educación Primaria e 2º de ESO.
II. Selecciona os obxectivos didácticos que terá o REA tendo en conta que deben estar vinculados a algún obxectivo do currículo vixente.
Preciso dun exemplo
- É o que vas ensinar.
- Para seleccionalo considera o currículo vixente e a programación didáctica da materia.
- Elixe un obxectivo ou obxectivos acordes ao perfil das persoas ás que vai dirixido o teu REA.
Obxectivos do REA
Deseñar un panel informativo sobre un monumento próximo, por exemplo dun pazo, que conteña elementos básicos de xeometría e medida empregando distintos procedementos e presentalo aos compañeiros e compañeiras, avaliando o proceso e o resultado.
Obxectivos contextualizados no currículo
OBX 7
Representar, de forma individual e colectiva, conceptos, procedementos, información e resultados matemáticos usando diferentes tecnoloxías, para visualizar ideas e estruturar procesos matemáticos.
OBX 6
Identificar as matemáticas implicadas noutras materias e en situacións reais...
Referencia: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Proens (data da consulta 29/09/2024). https://www.edu.xunta.gal/proens/ Centro de exemplo, curso 22-23. Programación de matemáticas de 1º de ESO, UD 10 e 13.
III. Descompón en pasos o proceso de aprendizaxe para acadar o obxectivo.
Preciso dun exemplo
Descompón o proceso de aprendizaxe que implica o obxectivo didáctico do teu REA en varios pasos. Isto favorecerá que o teu alumnado poida acadalo.
Estes pasos serán os que se sigan para aprender progresivamente, polo tanto van condicionar o posterior deseño de explicacións, exercicios, actividades, tarefas e resto de recursos.
Segue unha secuencia coherente coa construción da comprensión e acorde ao saber da área/materia para a que esteas a deseñar.
Inviste o tempo necesario en definir esta secuencia porque é moi importante, xa que che permitirá reducir a carga cognitiva. Isto fará que o teu REA poida ser mellor comprendido.
Deseñar un panel informativo sobre un pazo...
1.1 Elixir o soporte onde se fará o deseño.
1.2 Visualizar distintos tipos de paneis informativos sobre monumentos, revisar as medidas e os deseños e elixir un.
1.3 Buscar un pazo próximo, visitalo, quitar fotos do exterior e recabar información no lugar (traballo de campo).
1.4 Tomar datos sobre o pazo utilizando fontes fiables (traballo na rede).
1.5 Identificar e analizar as formas xeométricas e medidas dos elementos do pazo e das construcións anexas empregando distintos procedementos (ferramentas informáticas, estimacións...).
1.6 Deseñar o panel e presentalo na aula.
1.7 Avaliar o proceso e o resultado final.
OBX 7. Representar, de forma individual e colectiva...
Tomando como fonte a programación elexida (Proens 2022), a partir do obxectivo obtemos o criterio de avaliación e o/os contido/os asociados.
Obxectivo - Criterio de avaliación - Contido - Contido mínimo esixible.
OBX 7 - CA 3.7 - C3.1.3 - Mínimo esixible.
CA 3.7 Representar conceptos, procedementos e resultados matemáticos usando diferentes ferramentas e valorando a súa utilidade para compartir información.
C3.1.3 - Construción de figuras xeométricas con ferramentas manipulativas e dixitais, como programas de xeometría dinámica, realidade aumentada etc.
Mínimo de consecución:
Constrúe diferentes figuras xeométricas con ferramentas dixitais para relacionar os seus perímetros e áreas.
Secuencia de aprendizaxe
Os eixos argumentais son: o pazo, os elementos anexos, e a súa relevancia na zona.
A partir deles desenvolveranse os coñecementos que, posteriormente, permitirán deseñar o panel cos elementos máis relevantes.
Unha posible secuencia para facer a análise xeométrica e socioafectiva sería:
- Pazos (planta, alzado, formas das torres...). Áreas e perímetros de figuras planas.
- Xardíns (formas dos parterres, árbores senlleiras). Ángulos, perímetros, áreas. Alturas.
- Hórreos (formas, usos, capacidade...). Áreas e perímetros de figuras planas.
- Pombais (formas, usos...). Pendentes dos tellados, teorema de Pitágoras.
- Influenza dos pazos na zona (lendas, percorridos...). Rectas e puntos notables dun triángulo.
Uso da aplicación GeoGebra, calculadora, e instrumentos manuais durante o proceso.
Cando deseñes as actividades lembra que o seu referente son os criterios de avaliación.
IV. Resalta a relevancia das metas que se poden conseguir co teu REA.
Preciso dun exemplo
- Ten claro que fin contribúe a alcanzar o obxectivo que seleccionaches.
Por que é importante este REA?
Deseñar un panel informativo sobre un pazo próximo permitirá sensibilizar ao alumnado sobre o coidado do noso patrimonio e a posta en valor dos recursos públicos como os paneis informativos e demais sinalética.
Por que é importante este REA no contexto do currículo?
A representación de procesos e ideas matemáticas mediante distintas ferramentas, especialmente as tecnolóxicas, permite a modelización de problemas reais, axuda á súa comprensión, e universaliza o seu aprendizaxe, ademais de ser motivadora (información baseada no obxectivo 7).
V. Pensa e aclara que habilidades/coñecementos debe posuír o alumnado para poder usar o teu REA
Preciso dun exemplo
- Consulta a secuencia de traballo que establece o saber da área/materia do teu REA para coñecer que habilidades e coñecementos son requiridos para poder usalo.
- Podes axudarte do currículo de cursos anteriores.
- No caso de que o teu REA forme parte dun conxunto de recursos, localiza que recurso pode ser usado antes ou despois do teu.
Coñecementos previos
Nivel anterior: Terceiro ciclo de Educación primaria. Sexto curso.
Obxectivo - Criterio de avaliación - Contido
OBX1. Interpretar situacións da vida cotiá proporcionando unha representación matemática destas mediante conceptos, ferramentas e estratexias, para analizar a información máis relevante.
CA3.2. Elaborar representacións matemáticas que axuden na procura e elección de estratexias e ferramentas, incluídas as tecnolóxicas, para a resolución dunha situación problematizada.
C3.4 - Visualización, razoamento e modelización xeométrica.
C3.4.1 - Resolución e formulación de problemas da vida cotiá que impliquen o uso de estratexias variadas para o cálculo de perímetros e áreas de figuras planas, con contraste de estratexias e resultados...
VI. Pensa e describe que competencias se poden desenvolver co teu REA.
Preciso dun exemplo
No propio currículo se indican os descritores das competencias clave que desenvolve o obxectivo elixido.
Contribucións ás competencias
O obxectivo 7 desenvolve os seguintes descritores:
- STEM 3
- CD 1, 2, 5
- CE 3
- CCEC 4
Todos eles son aplicables á creación do panel, por exemplo:
CCEC4 - Coñece, selecciona e utiliza con creatividade diversos medios e soportes, así como técnicas plásticas, visuais, audiovisuais, sonoras ou corporais, para a creación de produtos artísticos e culturais, tanto de forma individual como colaborativa, identificando oportunidades de desenvolvemento persoal, social e laboral, así como de emprendemento.
VII. Determina o tempo aproximado de traballo que o alumnado debe investir para alcanzar a meta/obxectivo de aprendizaxe.
Preciso dun exemplo
- Fai un cálculo aproximado das sesións que deben investir para usar todos os elementos do REA.
- Para facilitar este cálculo podes facer unha indicación de tempo de realización de cada unha das actividades ou tempos de uso de cada recurso.
- Deseña tendo en conta o total de horas lectivas semanais da área/materia asignadas con carácter xeral na normativa que desenvolve o currículo.
Temporización
- Sesión de introdución e motivación sobre o reto: deseñar un panel descritivo dun monumento. (1)
- Sesión de traballo de campo. (1)
- Sesións para conectar cos coñecementos de primaria: ángulos, triángulos, cuadriláteros, polígonos, círculo e circunferencia, área e perímetro de figuras planas. (2)
- Sesións con actividades nas que se desenvolven os seguintes contidos e procedementos: (5)
- - Pazos (planta, alzado, formas das torres...). Áreas e perímetros de figuras planas.
- - Xardíns (formas dos parterres, árbores senlleiras). Ángulos, perímetros, áreas. Alturas.
- - Hórreos (formas, usos, capacidade...). Áreas e perímetros de figuras planas.
- - Pombais (formas, usos...). Pendentes dos tellados, teorema de Pitágoras.
- - Influenza dos pazos na zona (lendas, percorridos...). Rectas e puntos notables dun triángulo.
- Sesión de elaboración do panel (1)
- Sesión de Auto-reflexión, individual e en grupo, sobre a utilidade do aprendido e comunicación dos resultados aos compañeiros/as. (1)
- Sesión de avaliación. (1)
Total: 12 sesións.
VIII. Establece que usos didácticos se lle pode dar ao teu REA.
Preciso dun exemplo
- Describe como pode usalo o alumnado.
- Describe como pode usalo o profesorado.
Como se pode usar o REA
Usos para o profesorado: como material principal para o ensino presencial, semipresencial ou a distancia.
Usos para o alumnado: como material para a autoformación e como material principal para o ensino presencial, semipresencial ou a distancia.