O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Conservatorio Superior de Música da Coruña convoca o I Concurso de Edición da Galipedia, unha iniciativa dirixida ao estudantado do centro co obxectivo de promover o uso da lingua galega nos ámbitos da música, da investigación e da divulgación do coñecemento.
O concurso busca fomentar a creación e mellora de contidos relacionados coa música galega na Galipedia, favorecer a presenza da terminoloxía musical galega en espazos de acceso libre e contribuír á difusión do patrimonio musical de Galicia e das súas figuras máis relevantes.
Quen pode participar?
Pode participar o alumnado matriculado no Conservatorio Superior de Música da Coruña durante o curso 2026-2027.
As persoas participantes deberán crear ou mellorar de maneira significativa un artigo ou un conxunto de artigos na Galipedia, empregando unha conta de usuario rexistrada que permita identificar as contribucións realizadas.
Sobre que temas?
Os artigos deberán estar relacionados coa música galega. Entre outros, poderán abordar temas como:
- Compositoras e compositores galegos.
- Intérpretes e agrupacións musicais galegas.
- Obras musicais de autoría galega.
- Patrimonio musical de Galicia.
- Música tradicional e popular galega.
- Organoloxía tradicional galega.
- Institucións, festivais e iniciativas musicais galegas.
- Investigación musical relacionada con Galicia.
- Interpretación musical en Galicia.
- Composición contemporánea galega.
- Pedagoxía musical en Galicia.
- Investigación artística e creación musical vinculada a Galicia.
Serán válidos tanto artigos de nova creación como melloras substanciais de artigos xa existentes. O xurado valorará especialmente aquelas contribucións que cubran lagoas de contido ou melloren artigos con carencias de información, referencias ou calidade lingüística.
Premio
Establécese un único premio de 200 €. O xurado poderá declarar deserto o premio se considera que os traballos presentados non acadan un nivel de calidade suficiente.
Inscrición e calendario
Prazo de inscrición: desde a publicación da convocatoria ata o 31 de marzo de 2027.
Prazo para realizar as contribucións: do 15 de setembro de 2026 ao 30 de abril de 2027.
As edicións presentadas deberán ser posteriores á confirmación da inscrición.
Formulario de inscrición:
Inscrición no I Concurso de Edición da Galipedia
Bases do concurso:
Unha proposta para contribuír á música galega
Esta convocatoria pretende que o alumnado do CSM da Coruña participe activamente na creación, mellora e divulgación do coñecemento sobre a música galega, contribuíndo a ampliar a presenza de contidos musicais en lingua galega nunha enciclopedia libre e colaborativa.
Anímate a participar!