• Inicio
  • O centro
    • Datos de contacto
    • Equipo de Dinamización da Lingua Galega
    • Normativa
    • Recursos
  • Secretaría
    • Matrícula
    • Documentación TFE
    • Documentación estudantado
    • Documentación profesorado
    • Documentación PAS
    • Lexislación
  • Información académica
    • Calendario académico
    • Calendario apertura fin de semana
    • Especialidades
    • Guía para reservar espazos
    • Programacións
    • Probas de acceso
    • Xornadas de portas abertas
  • Produción Académica e Artística
    • Big Band
    • Ciclos de concerto
    • Concertos
    • Concursos
    • Congresos e xornadas de investigación
    • Cursos e masterclasses
    • Programas de Sinerxias Educativas
    • Revista dixital Symphonia
    • Traballos Fin de Estudos
  • Erasmus
    • Mobilidade do estudantado
    • Students
    • Teachers

User account menu

  • Iniciar sesión
Logo CMUS
Inicio
Logo CMUS
  • Inicio
  • O centro
    • Datos de contacto
    • Equipo de Dinamización da Lingua Galega
    • Normativa
    • Recursos
  • Secretaría
    • Matrícula
    • Documentación TFE
    • Documentación estudantado
    • Documentación profesorado
    • Documentación PAS
    • Lexislación
  • Información académica
    • Calendario académico
    • Calendario apertura fin de semana
    • Especialidades
    • Guía para reservar espazos
    • Programacións
    • Probas de acceso
    • Xornadas de portas abertas
  • Produción Académica e Artística
    • Big Band
    • Ciclos de concerto
    • Concertos
    • Concursos
    • Congresos e xornadas de investigación
    • Cursos e masterclasses
    • Programas de Sinerxias Educativas
    • Revista dixital Symphonia
    • Traballos Fin de Estudos
  • Erasmus
    • Mobilidade do estudantado
    • Students
    • Teachers

Miga de pan

  • Inicio
  • Revista dixital Symphonia

Revista dixital Symphonia

Revista Symphonia

Symphonia é a revista do Conservatorio Superior de Música da Coruña, coordinada polo Departamento de Musicoloxía, e constitúe un espazo de difusión do traballo investigador, reflexivo e creativo desenvolvido tanto nas aulas como fóra delas. A publicación recolle artigos do profesorado e do alumnado, así como colaboracións externas, abordando unha ampla variedade de temas relacionados coa musicoloxía, a historia da música, a análise, a educación musical, a organoloxía e as tradicións musicais.

Todas as edicións da revista poden consultarse no seguinte enlace:
https://symphoniarevista.wordpress.com/category/ediciones/

 

Última edición · Symphonia XVII (xullo de 2026)

Presentación do volume XVII de Symphonia

En xullo de 2012 publicouse en Tel Aviv o libro Toldot HaMuzika (Historia da Música), da autoría da profesora do Departamento de Musicoloxía da Universidade de Tel Aviv, Yehudit Cohen. O manual, adoptado como libro de texto oficial no bacharelato dos centros educativos de Israel, salienta no seu prólogo un aspecto que vén adquirindo unha relevancia crecente para a pedagoxía da historia da música ao longo do primeiro cuarto do século XXI:

«A diferenza doutros libros sobre historia da música, este non se limita á música occidental, cuxa historiografía privilexiou as creacións, os xéneros e os estilos de procedencia centroeuropea. Tamén inclúe un capítulo sobre música artística xudía e outro sobre música artística en Israel, o que o fai ideal para estudantes de música neste país.» (Cohen, 2012)

O feito de que o ensino tradicional da historia da música estea centrado nun repertorio moi concreto e definido responde a cuestións amplamente explicadas durante décadas e que non procede abordar aquí. Con todo, o volume XVII de Symphonia reflicte, de maneira sutil, unha revisión dese relato historiográfico ao incorporar estudos centrados en ámbitos xeográficos específicos e, por tanto, susceptibles de contribuír á construción dunha historiografía máis diversa e plural.

Dúas achegas de Candela Fernández Cernuda afondan nesta perspectiva. Tomando como punto de partida as bandas populares de Asturias, o traballo Las bandas populares en Asturias: evolución histórica, función social y organología de las agrupaciones tradicionales aborda a relación entre identidade musical e territorio, complementándoa cunha análise organolóxica que desemboca nos seus aspectos funcionais e didácticos. Pola súa banda, Nuevos comienzos: la vanguardia internacional, 1945-62: Un ensayo sobre el capítulo de David Osmond-Smith en The Cambridge History of Twentieth-Century Music ofrece unha síntese dun dos capítulos dunha das máis relevantes historiografías da música occidental, centrado no diálogo e na confrontación entre dúas das figuras máis representativas da composición vangardista posterior á Segunda Guerra Mundial.

Érica Rodríguez Quiroga presenta Peter Grimes: modernidad, tonalidad y psicología musical en la ópera de Benjamin Britten, unha interpretación da obra como exemplo paradigmático dun modernismo moderado, construído a partir dunha sucesión de elementos estéticos que evitan a ruptura radical coa linguaxe tonal.

A nova contribución de Carlos Pereira Martínez, Novas contribucións á biografía da pianista coruñesa Emilia Gómez Quinteiro Calé, consolida unha liña de investigación baseada na procura rigorosa de fontes primarias e na súa interpretación, labor que o autor vén desenvolvendo desde hai anos.

Procedente do seu traballo de fin de estudos, Xairo Campos Blanco presenta Transformar a raíz: electrónica, algoritmo e participación na música popular galega, onde realiza unha descrición pormenorizada das ferramentas empregadas no seu ciclo compositivo Díptico de Monterrei, incorporando unha reflexión sobre as posibilidades que ofrecen os avances tecnolóxicos para a recuperación e reinterpretación do patrimonio musical galego.

Davide Leira Caparrós ofrece en O renascer da percusión de man: as pandeiretas e o empoderamento das mulleres na música tradicional galega unha ampla panorámica sobre a pandeireta en Galicia, revisando tanto as principais achegas bibliográficas dedicadas ao instrumento como a contextualización histórica das súas fontes.

Gabriel Antonio Escurra Hernández reivindica, en El lenguaje de Philly Joe Jones: análisis de Miles Davis: The New Miles Davis Quintet, a relevancia da sección rítmica na construción da linguaxe jazzística. A través dunha análise detallada da evolución do set de batería, pon en valor a contribución de músicos como Philly Joe Jones ao primeiro quinteto de Miles Davis.

Tres ensaios elaborados polo alumnado da materia Introdución á Investigación completan esta miscelánea. Desde unha perspectiva metodolóxica propia da Musicoloxía, Carlos Barcia Trashorras, en «A ombros de xigantes»: a importancia do coñecemento historiográfico no deseño dunha investigación sobre a regueifa en Galiza; Anxo Cabada Allegue, en «A hombros de gigantes»: la importancia del conocimiento historiográfico en el diseño de una investigación sobre la evolución de la instrumentación y del repertorio de la Agrupación Musical Albéniz y su relación con la sociedad desde su creación hasta la actualidad; e Juan Díaz Vázquez, en «A hombros de gigantes»: la importancia del conocimiento historiográfico en el diseño de una investigación sobre el sampling de grabaciones de jazz en el hiphop, analizan tres contextos musicais diferentes co obxectivo de avanzar cara a unha interpretación máis precisa do feito sonoro, sen descoidar a súa dimensión artística.

Pablo Ruibal Armesto presenta La burbuja del vinilo, un breve análisis técnico y conductual: evaluación crítica de la fidelidad acústica frente al fenómeno de mercado en la era digital, unha análise comparativa entre o disco de vinilo e outros soportes sonoros. A partir do estudo das súas características acústicas obxectivas e das causas que explican o espectacular rexurdimento do seu consumo, o autor analiza como se configurou a burbulla de prezos dun formato que hai apenas tres décadas se consideraba obsoleto.

Finalmente, a recensión de Four Centuries of Women's Musical Salons: A Cross-Cultural History, publicada o pasado mes de marzo, dá continuidade á tradición iniciada pola revista hai catro anos.

Recollendo a suxestión formulada por Yehudit Cohen, o Departamento de Musicoloxía celebra a pluralidade temática e metodolóxica das contribucións que integran este novo número e quere expresar o seu agradecemento e parabéns ás autoras e autores, animándoos a continuar enriquecendo con novas investigacións os futuros volumes de Symphonia.

Xosé Crisanto Gándara Eiroa
Departamento de Musicoloxía
Conservatorio Superior de Música da Coruña

Symphonia XVII pode consultarse no seguinte enlace:
https://symphoniarevista.wordpress.com/category/17-a-edicion/

 

Symphonia XVI (marzo de 2026)

Sumario Symphonia XVI
Sergio Añón Lijó

É unha honra presentar o número XVI da revista Symphonia, publicación do Conservatorio Superior de Música da Coruña que, baixo a coordinación editorial do Departamento de Musicoloxía, se consolida como un espazo fundamental para a difusión da investigación realizada nas nosas aulas. Os traballos aquí reunidos, froito da materia Introdución á Investigación, son un claro reflexo das inquedanzas artísticas, pedagóxicas e sociais do alumnado, e o resultado dun proceso que permite transitar desde a aprendizaxe cara á creación e comunicación de coñecemento. Este número ofrece unha panorámica interdisciplinar que mostra que a investigación é unha ferramenta viva para o futuro profesional da música, integrando desde a xestión e a pedagoxía ata a interpretación e as vangardas tecnolóxicas.

O primeiro bloque, dedicado a patrimonio, sociedade e pedagoxía, analiza a música desde a súa función social e educativa:

A coral como entidade legal en Lugo, de Pablo Rico Echegaray: esta investigación analiza o tramado administrativo das agrupacións lucenses, salientando a fenda dixital que afrontan as súas directivas ante a obrigatoriedade da administración electrónica.

La herencia sonora de la Catedral de Santiago: enseñar a través del patrimonio, de Andrea Torrado García: o artigo propón o uso de narrativas sobre a vida dos antigos mestres de capela para facilitar o acceso emocional do alumnado á música antiga, vinculando a aprendizaxe técnica coa contorna cultural.

Del canto espontáneo al aprendizaje consciente: el poder pedagógico de la improvisación vocal y las circle songs, de Myrna Ayelén Fraguglia Gorini: o estudo das dinámicas colectivas destaca que a improvisación axuda a superar barreiras emocionais e fomenta unha relación consciente co silencio como parte do discurso musical.

El do móvil como recurso pedagógico en España: estrategias para desarrollar el oído relativo y la percepción tonal, de Cristina Rodríguez Cabado: este traballo defende un modelo híbrido que empregue ferramentas de solfexo relativo para complementar o sistema de do fixo.

Presencia femenina en agrupaciones bandísticas: el caso de la Banda Municipal de Música de Celanova, 1850-2025, de Candela Rañal Parajó: a análise documenta a evolución histórica cara á paridade na formación, advertindo non obstante a persistencia de estereotipos de xénero na distribución de certos instrumentos.

O segundo apartado céntrase en interpretación e instrumentación, explorando o repertorio desde o Romanticismo ata a contemporaneidade:

Análisis interpretativo y estilístico del Sexteto en mi bemol menor, op. 30, de Oskar Böhme, de Arturo Viéitez Molina: a comparación entre as gravacións de membros da Karajan Akademie e de Axiom Brass revela marcadas diferenzas no tempo, no fraseo e na articulación interpretativa.

Entre la caza y el drama: significados convencionales de la trompa en la ópera del siglo XIX, de Pablo del Río Sánchez: a investigación desentraña de que modo a trompa simboliza o bosque, o heroico e o destino tráxico a través de modelos estruturais herdados da tradición cinexética.

Kris Garfitt en el Concurso ARD 2022: expresividad, madurez y estilo como claves del triunfo, de Javier Fernández Arias: o exame da final na categoría de trombón revela como a sensibilidade agóxica e a elección dunha cor tímbrica particular foron determinantes para acadar o primeiro premio.

Las tendencias interpretativas de la obra para trombón solo de Folke Rabe Basta: un análisis comparativo de las versiones de Christian Lindberg y James Markey, de Kiril Nesterov Bekker: o contraste entre a teatralidade solística de Lindberg e a sobriedade camerística de Markey ilustra a existencia de diversas escolas interpretativas fronte ás técnicas estendidas contemporáneas.

Percusión en la orquesta: escribir bien, sonar mejor, de Adán García Rodríguez: esta reflexión crítica sinala os problemas de notación e loxística na percusión sinfónica, propoñendo unha escrita máis ergonómica e lóxica desde a perspectiva do intérprete.

Ney Rosauro: la influencia de su obra en la música contemporánea para percusión, de Ignacio Cazón Ferreiro: o estudo destaca a fusión da tradición brasileira coa linguaxe académica como motor da lexitimación dos ritmos populares no ámbito solista clásico.

No terceiro bloque, centrado en narrativas e linguaxes do jazz, abórdanse figuras e procesos de consolidación do xénero:

Brubeck y Tristano: dos pianistas en la vida de Desmond y Konitz, de João Gomes Lima Mesquita: a comparativa diferencia o ecosistema lírico e narrativo de Paul Desmond fronte á abstracción intelectual e a disciplina improvisatoria de Lee Konitz.

De fondo a figura: la transformación del contrabajo en el jazz entre 1950 y 1980, de Diana Sofía Abad Frean: a crónica percorre a emancipación do contrabaixo cara á súa autonomía solista e interactiva, personificada na figura de Ron Carter.

El lenguaje armónico de McCoy Tyner: una comprensión de la armonía a partir de las cuartas, de Alejandro Alonso Álvarez: a análise técnica detalla como o uso de voicings por cuartas redefiniu o acorde de dominante como un recurso de cor e ambigüidade modal que liberou a harmonía tradicional.

El papel de la trompa en el jazz: un enlace entre estilos, de Luis Pita Romero: o repaso histórico sitúa a trompa como un instrumento integrado no xénero, destacando a figura de Julius Watkins como inspiración fundamental para a súa evolución.

Los Titanes: de las verbenas gallegas al universo del jazz, de Jose Fernández Guerreiro: o estudo traza a ponte entre as orquestras de baile galegas e o jazz profesional a través das traxectorias de diversas agrupacións e músicos.

Perspectiva jazzística en la interpretación del Adagio del Concierto para clarinete de Mozart por Paquito D’Rivera, de Pablo Bao García: a investigación analiza a reescritura profunda e a liberdade expresiva que os códigos do jazz e da música latina achegan á obra orixinal mozartiana.

Finalmente, o bloque de etnomusicoloxía, tecnoloxía e estéticas urbanas explora as fronteiras da tradición e da modernidade:

La función de la flauta en la música tradicional de Irlanda, Escocia e Isla de Man, de Iria Rodríguez Rodríguez: o estudo describe a frauta de madeira como un vehículo de identidade comunitaria no que o intérprete actúa como narrador dunha tradición viva baseada no estilo persoal e na ornamentación.

¿Qué es realmente el zortziko?: más allá del 1+2+2, de Iranzu Elizondo Iriarte: a revisión crítica cuestiona as definicións académicas reducionistas e reivindica a flexibilidade rítmica do zortziko como unha categoría interpretativa que desborda a notación occidental.

El impacto de las redes sociales en la transformación de la carrera profesional de los intérpretes de música clásica, de Alfonso Otero Arias: a investigación aborda os desafíos que presentan os sistemas automáticos de dereitos de autor e o uso de plataformas dixitais para construír comunidades globais arredor da música clásica.

La influencia de J Dilla en bateristas españoles: el caso de Hoss Benítez, de Luis Lago Álvarez: a análise mostra de que xeito o desaxuste rítmico deliberado do Dilla feel foi asimilado na batería acústica como un novo paradigma estético por intérpretes contemporáneos.

O ADN tecnolóxico do trap galego: impacto no deseño tímbrico, na creación sonora e no proceso creativo, de Xairo Campos Blanco: o traballo explora a democratización da produción musical e o emprego de ferramentas dixitais como marcadores esenciais de autenticidade na escena trap de Galicia.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao alumnado polo seu compromiso con este proxecto e polo entusiasmo mostrado na súa achega á actividade académica do noso centro. Confiamos en que a lectura deste número sexa tan proveitosa e estimulante para vostedes como o foi para nós o proceso da súa edición.

Sergio Añón Lijó
Departamento de Musicoloxía
Conservatorio Superior de Música da Coruña

Symphonia XVI pode consultarse no seguinte enlace:
https://symphoniarevista.wordpress.com/category/ediciones/16a-edicion/

Subscribirse a Revista dixital Symphonia
Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na Internet polo centro educativo

Mapa do sitio - Contacto co centro - Accesibilidade - Aviso Legal

CMUS Superior da Coruña