FORO PARA COMPARTIR AS IMPRESIÓNS SOBRE "QUE SE ESTÁ A FACER NOS CENTROS"

Achegar posturas co proxecto lector?

Achegar posturas co proxecto lector?

por Rocío Bernárdez -
Número de respostas: 2
No noso centro está a acontecer algo un tanto curioso. Por un lado hai algúns mestres dedicados en exclusiva ao libro de texto, polo que a lectura e a escritura se limita a aquelas actividades que aparecen nos libros e que algo teñan que ver con estes ámbitos. E claro, o manexo da información non é moi preciso para realizar as actividades dos libros, polo que case podería dicir que apenas se traballa.
Por outro lado hai outro grupo de mestres moi interesados nas novas tecnoloxías, que fan actividades tales como grabacións de distintos tipos de lecturas que motivan moito ao alumnado e traballos de escrita que logo se publican en blogues ou na páxina do colexio e que, polo tanto, esixen realizar borradores previos. Ademais, desenvolven proxectos nos que o alumnado busca e trata, dalgún xeito, a información.
En calquera caso, é certo que o soporte impreso (agás o libro de texto) case non se manexa e, consecuentemente, os fondos bibliográficos da biblioteca. Incluso, ás veces, teño a sensación, e só é unha sensación, de que o libro impreso se contrapón ás novas tecnoloxías, o antigo e o moderno. 
E non é menos certo, que non hai ningunha reflexión no centro acerca dos tres ámbitos: lectura, escritura e tratamento da información, polo que o modo de proceder de cada mestre é bastante dispar.
Como conclusión, creo que un proxecto lector reflexionado e consensuado no noso centro sería realmente preciso para achegar posturas e aproveitar o bo facer de cada un de nós.
En resposta a Rocío Bernárdez

Re: Achegar posturas co proxecto lector?

por Paco Diaz -
Concordo plenamente coa túa conclusión. Defeito, como imos vendo nas diferentes intervencións, as eivas, os ámbitos de mellora son diferentes en cada centro. Por veces falla o Proxecto, e temos sucesivos Plans que reinventamos cada curso; en ocasións hai diferentes niveis de implicación; No teu centro a necesidade entendo - seguindo o que comentas - que está na reflexión conxunta. Hai que sentarse e falar destes asuntos.

Dicía Umberto Eco que se dan dúas posturas fronte aos medios: unha a conforman os que denomina os apocalípticos (non confían na bondade das innovacións técnicas), a outra os que chama os integrados (apostan cegamente polos beneficios de incorporar as novidades). Hai que sentar a falar de lectura aos apocalípticos e integrados do teu claustro. Se o organizas con coidado, pode ser unha conversa ben fructífera.

Ese PL pode ser unha vía de entendemento.

Máis información sobre estes conceptos:
En resposta a Rocío Bernárdez

Re: Achegar posturas co proxecto lector?

por Susana Sánchez Arins -
a questom essa da contraposiçom entre mundo analógico e mundo digital percebo-a eu também. eu, que nom uso livro de texto, nas minhas aulas ainda nom comecei a utilizar os equipos abalar com as rapazas, porque tenho a sensaçom de que vivem numa overdose tecnológica e o que lhes falta e escuitar contos, tocar livros, usar o boli...