A estrela HD 149143 leva o nome de Rosalía de Castro desde decembro de 2019. A Unión Astronómica Internacional deixou que 112 países membros puxeran cadanseu nome a estrelas ou exoplanetas (NameExoWorlds). En España houbo unha votación en liña entre doce posibles candidaturas, na que participaron máis de 34.000 persoas. O nome Rosalía de Castro foi o máis votado (case 40% do total). Ademais un exoplaneta desa estrela leva por nome Río Sar.
A estrela Rosalía de Castro é unha estrela anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco. O exoplaneta Río Sar é un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.
En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
