Materiais
Os materiais que se poden incluír no e-portafolio docente son practicamente ilimitados. Unha sinxela clasificación pode axudar a equilibrar o tipo de evidencias que poden ser máis ou menos auténticas por estar tamén máis ou menos directamente relacionadas coa actividade representada.
Por unha banda, estarían os materiais que se refiren ao propio profesor; por exemplo: relatos reflexivos sobre unha innovación, programa do curso ou unidade didáctica na que se introduciu unha nova tecnoloxía, descrición valorativa de revisións curriculares, gravacións de clases, presentación de resultados sobre algunha investigación de aula, feedback devolto aos alumnos, declaración persoal de obstáculos na docencia, descrición da xestión do tempo para a avaliación, autovaloracións etc.
Doutra banda, temos os materiais achegados por outros: observacións de aulas por parte doutro profesor, testemuños orais ou escritos espontáneos de alumnos ou ex-alumnos, cartas de recomendación, valoracións de colegas sobre as valoracións, as opinións dos alumnos sobre o curso/materia, traballos realizados polos alumnos, invitacións recibidas para presentar nun foro docente etc.