Concepto e obxectivos
Un portafolio docente é unha selección coherente de materiais que inclúen evidencias e reflexións sobre o proceso de ensino do profesor e que poñen de manifesto a calidade da súa práctica docente en relación coa aprendizaxe e co desenvolvemento escolar dos seus alumnos.
O docente como profesional do ensino obtén cun portafolio unha visión do desenvolvemento da súa docencia a través do tempo como un proceso de investigación, experimentación, reflexión e mellora en evolución.
Un portafolio docente captura a evidencia da carreira docente enteira, dota o propio profesor, os que traballan con el e a súa comunidade de mostras efectivas do traballo concreto e manifesta a súa filosofía e práctica de ensino e aprendizaxe.
O portafolio docente pódese utilizar como resultado dun proceso ou como un produto en si mesmo. Se se formula como un produto, diríxese a tomar decisións de xeito que lle comunica a pericia docente a un futuro empregador ou aos estudantes, colegas, comunidade de pais etc. Se se utiliza na versión de proceso, vai dirixido ao desenvolvemento profesional, recollendo experiencias de ensino a través do tempo, proporcionando temas e evidencias que soliciten necesidades formativas futuras, autorreflexión para a mellora da profesión etc.
Visualiza o mapa ao completo en http://cmapspublic.ihmc.us/rid=1H5QTZ21H-KS292P-T9Q/Portafolio%20dixital_Docente_VRG.cmap
Polo tanto, un portafolio docente serve para manifestar e valorar a calidade da docencia en coherencia coas competencias e cos obxectivos educativos, cos recursos empregados e cos resultados obtidos nun contexto educativo particular. A calidade docente está determinada en función de que accións eficaces para o logro dos obxectivos de aprendizaxe está a levar a cabo o profesor; por iso, a forma máis común de avaliar un profesor é a través dos resultados dos seus alumnos.
Ligazón de interese: Teaching Portfolio (en inglés)
O portafolio é unha ferramenta na que se reúnen evidencias dos principais logros, fortalezas e innovacións como profesor, pero tamén recolle aqueles aspectos que se deben mellorar. Por iso son tan importantes a conciencia da práctica e a reflexión, xa que achegan unha avaliación da evolución da docencia que retroalimenta o profesor e que lle axuda a plasmar de maneira documentada os seus puntos fortes e débiles como profesional do ensino. Deste xeito, o portafolio docente eríxese como un instrumento base para a toma de decisións, na procura de atopar os mellores métodos para propiciar a aprendizaxe eficaz.
Aínda que a elaboración dun portafolio docente leva un tempo, as vantaxes do uso do portafolio pódense detectar facilmente a diferentes niveis: no ámbito persoal, posto que o profesor contextualiza e valoriza os seus logros ao longo da súa carreira docente; no ámbito institucional, mediante o desenvolvemento dos profesores e a profesionalización da tarefa docente, o que á súa vez repercute na calidade do servizo institucional; no ámbito da organización avaliadora, se a houber, xa que o portafolio promove a discusión, o intercambio e a redefinición da práctica educativa e iso procura un material profesional valioso que constata o cumprimento activo e dinámico da planificación docente.