Saltar navegación

Competencias e desenvolvemento profesional

Os propósitos que levan a construír un portafolio poden ser distintos en diferentes momentos, situacións e ata culturas.

Nos contextos que manexan este instrumento desde hai anos, as principais razóns para deseñalo son a empregabilidade, o mantemento de privilexios, a promoción e os premios docentes. Normalmente, cando se aplica para un traballo, preséntase un currículo, pero cada vez máis empresas, incluídas as institucións educativas, piden un portafolio profesional que documente o traballo concreto que o aspirante sabe facer. O portafolio é así a súa carta de presentación e a garantía para o empregador de que a persoa á que contrata conta coas competencias que mostra no portafolio profesional.

As competencias profesionais dun profesor deben mostrarse no e-portafolio coa máxima claridade. Deste xeito, tanto a vertente de especialidade da área de coñecemento (música, bioloxía, educación física, historia etc.), como a vertente didáctica (metodoloxías docentes, uso de recursos, pericia tecnolóxica etc.), deben estar nitidamente reflectidas no e-portafolio, así como tamén as competencias de tipo máis persoal (idiomas, viaxes, afeccións etc.), que han de achegar un nivel engadido á aprendizaxe de cara a motivala e potenciala.

En calquera caso, o portafolio docente é un instrumento de avaliación no sentido amplo, para o que se deberán marcar as competencias prioritarias que se buscan ou se queren nos seus profesores. Atendendo a este sentido amplo da avaliación ao que apelamos, tamén entendemos que o e-portafolio é un instrumento de autoavaliación. Por iso, cada profesor pode poñer a énfase do seu portafolio nun ou máis aspectos concretos e darlle un cariz persoal. Neste último caso da autoavaliación, o ente avaliador é o mesmo profesor ou os seus colegas, polo que o propósito avaliativo non estará tan marcado pola promoción profesional coma pola análise e a mellora da propia docencia.

Outro aspecto importante do e-portafolio profesional é a súa relación co desenvolvemento da formación docente. Se un portafolio serve para deixar de manifesto as fortalezas e as debilidades como docente, iso marca unha ruta, tan explícita como se desexe, cara ás necesidades formativas. Deste xeito, pódese confeccionar unha axenda pautada no tempo de actividades formativas que o profesor se propoña seguir para mellorar a súa práctica docente. Esta mesma formación docente e a súa aplicación engadindo os resultados da súa práctica é susceptible de ser incluída no portafolio como un material importante que demostre a preocupación do profesor pola súa actualización e mellora docente.

Reflexión

Imaxe procedente de Revista de pedagoxía.

De entre as características que definen un bo profesional docente, a capacidade de reflexionar sobre o propio ensino é unha das máis importantes e, por iso, é necesario introducir estratexias formativas que permitan o seu desenvolvemento. O desenvolvemento da competencia dos profesores para reflexionar sobre o seu propio ensino require considerar o profesor como un profesional autónomo e responsable, capaz de participar activamente na avaliación da súa propia función docente e do conxunto de compoñentes e elementos que configuran a súa actuación e, como consecuencia de todo iso, participar na mellora da calidade educativa. Como dicimos, a reflexión sobre a práctica é un dos eixes fundamentais que definen unha profesionalidade renovada (Donnay, 1996), como tamén o son: a colaboración —a base da innovación docente— en canto á competencia de traballar en equipo, a capacidade de situar o alumno no centro do proceso educativo e o comportamento ético que recupera o sentido do compromiso e a responsabilidade no traballo desenvolvido.

En termos xerais, esta é a filosofía de traballo que defende o portafolio docente vertebrado ao redor dunha competencia reflexiva que se esforza por mostrar evidencias de logro na aprendizaxe, mediada polo proceso de ensino e sobre a que rotan as demais competencias docentes, de maneira que constitúe unha ferramenta de mellora, planificación e acreditación profesional.

Se consultamos diferentes e-portafolios, dámonos conta da diversidade de formulacións que se poden atopar: