1. Introdución e contextualización
O I.E.S. de Vilalonga está emprazado nunha zona rural, no lugar da Salgueira, parroquia de Vilalonga, concello de Sanxenxo (Pontevedra), e comezou a súa actividade en novembro de 1980 como instituto de Formación Profesional. En 1989 fundiuse baixo a denominación actual co Instituto de Bacharelato que se creara ao seu carón.
A oferta educativa do Centro abarca desde a ESO e o Bacharelato (Científico-Tecnolóxico e de Humanidades e Ciencias Sociais), os Ciclos Formativos de Grao Medio (Xestión Administrativa e Electromecánica de Vehículos) e Superior (Administración e Finanzas), a Formación Profesional Básica (Mantemento de Vehículos e servizos Administrativos) até a ensinanza de adultos (Nivel II de Educación Secundaria de Adultos e a Oferta Modular do Ciclo Medio de Xestión Administrativa).
Respecto do alumnado, debemos distinguir dous grupos: o que chega para cursar o 1º curso nos distintos niveis e os que xa son alumnos do Centro nos demais cursos. No primeiro grupo atópase o alumnado de 1º de ESO, que provén maioritariamente dos tres centros adscritos de Primaria, (Vilalonga, Nantes e Noalla), mentres que en 1º de Bacharelato a procedencia é do noso Centro (4º de ESO), do IES de Sanxenxo, do IES de Meaño e do centro concertado Abrente. No que respecta aos Ciclos Formativos, unha parte do alumnado tamén é do propio Centro e o resto ten distinta orixe: Sanxenxo, Meaño, O Grove e mesmo Pontevedra. Nos restantes cursos de ESO, Bacharelato e Ciclos o alumnado é o que prosegue os seus estudos, ao que ocasionalmente se suma algún outro que cambia de centro por diversos motivos.
O perfil do alumnado na zona de influencia do centro ten un trazo destacado na falta de esforzo e de valoración do estudo favorecidas polas dúas actividades económicas máis influentes nos concellos de orixe, que son a vitivinícola e a de servizos no turismo. Deste xeito, a ligazón do alumnado a estas actividades reduce, ao longo do curso e sobre todo na convocatoria extraordinaria de setembro, o seu rendemento académico como resultado da importancia que no ámbito familiar se lle concede ao diñeiro como meta social. Esta dificultade faise máis patente na secundaria obrigatoria e no 1º curso de Bacharelato porque este alumnado amosa problemas de aprendizaxe por non ter desenvolvidas as habilidades necesarias para o estudo dado que lles custa traballo aprender e non están afeitos a esforzarse. Por outra parte, os casos de indisciplina tenden a reducirse nos últimos anos e están localizados case exclusivamente nos primeiros cursos do ensino obrigatorio (1º e 2º de ESO e FPB).
A tecnoloxía desenvolve un papel fundamental na sociedade actual, porque proporciona un conxunto de coñecementos e de técnicas que permiten satisfacer as necesidades individuais e colectivas. Neste sentido, a tecnoloxía achégalle ao currículo a capacidade de analizar e redeseñar a relación entre dispositivos tecnolóxicos e necesidades sociais, ámbito no que a innovación e a condición de inmediata que lle son propias dotan esta materia dunha grande relevancia educativa. Na resolución de problemas tecnolóxicos conxúganse, ademais da innovación, elementos como o traballo en equipo ou o carácter emprendedor, que son imprescindibles para formar unha cidadanía autónoma e competente. Ademais, o coñecemento da tecnoloxía proporciona unha imprescindible perspectiva científico-tecnolóxica sobre a necesidade de construír unha sociedade sustentable, formada por unha cidadanía crítica con respecto ao que acontece arredor dela.
A materia de Tecnoloxía Industrial trata de lograr estes fins abordando, ao longo dos dous cursos de bacharelato, un amplo conxunto de temas. Deste xeito, o bloque de "Produtos tecnolóxicos" trata o deseño, a produción e a comercialización dun produto tecnolóxico para favorecer a investigación da súa influencia na sociedade e no contorno. Os bloques de "Materiais" e de "Materiais e procedementos de fabricación" tratan as propiedades características dos materiais, en relación coa súa estrutura interna, e os ensaios para a súa determinación, así como as técnicas para modificar e mellorar as súas propiedades e as técnicas utilizadas no proceso de fabricación dun produto.
No bloque chamado "Principios de máquinas" afóndase nos conceptos fundamentais das máquinas e nos seus principios de funcionamento, mentres que no bloque de "Máquinas e sistemas" se exploran os seus elementos constitutivos. A produción de enerxía, o seu impacto ambiental e as técnicas de redución do consumo enerxético en vivendas e locais abórdanse no bloque "Recursos enerxéticos".
No bloque de "Sistemas automáticos" trátase a automatización das máquinas, e os circuítos e sistemas tecnolóxicos asociados, así como a súa estrutura e o seu funcionamento. A electrónica dixital estúdase no bloque "Circuítos e sistemas lóxicos", que se centra nos circuítos combinacionais, e tamén no denominado "Control e programación de sistemas automáticos", que afonda nos circuítos secuenciais e nas súas aplicacións.
No conxunto dos bloques desta materia, en resumo, intégranse coñecementos de carácter matemático e científico, polo que un enfoque interdisciplinar favorecerá a conexión con outras materias e mesmo con diversos temas de actualidade.
Desde o punto de vista metodolóxico, o ensino desta materia require que se traballe en equipo, para resolver problemas tecnolóxicos que permitan explorar o deseño, a produción, a avaliación ou a mellora de produtos relevantes desde o punto de vista tecnolóxico e social. Trátase de aprender a identificar e a seleccionar solucións aos problemas técnicos, a realizar cálculos e estimacións ou a planificar a realización de actividades de deseño e de montaxe, contextos de aprendizaxe nos que son importantes a iniciativa, a colaboración e o respecto polas normas de seguridade, e nos que as tecnoloxías da información e da comunicación son ferramentas imprescindibles para a procura de información, para a elaboración de documentos ou de planos, para a realización de simulacións e de cálculos técnicos e económicos, e para a presentación ou a publicación de resultados.
No ensino da tecnoloxía resulta adecuado, xa que logo, reflexionar e traballar en grupo procurando solucións a problemas nos que se poidan aplicar os coñecementos adquiridos, e buscar información adicional, se se require, para fomentar o espírito emprendedor.
A contribución da materia de Tecnoloxía Industrial ao desenvolvemento das competencias clave dependerá en grande medida do tipo de actividades seleccionado; é dicir, da metodoloxía empregada. Neste sentido, a comunicación lingüística desenvolverase na medida en que o alumnado adquira e utilice adecuadamente vocabulario tecnolóxico, elabore informes técnicos, explique conceptos, ou elabore e expoña información. A competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, principais competencias que se desenvolven nesta materia, poden alcanzarse calculando magnitudes e parámetros, e aplicando técnicas de medición e de análise gráfica no contexto do proceso de resolución técnica de problemas, ou construíndo obxectos e verificando o seu funcionamento, competencias que tamén se favorecen utilizando ferramentas e máquinas, analizando procesos e sistemas tecnolóxicos, ou mediante a análise e a valoración das repercusións ambientais da actividade tecnolóxica. A competencia dixital desenvolverase co emprego constante das tecnoloxías da información e da comunicación para procurar e almacenar información, para obter e presentar datos e para simular circuítos, sistemas e procesos tecnolóxicos, ou para controlar e programar sistemas automáticos.
Para que o alumnado poida aprender a aprender, as actividades deben permitir que tome decisións cun certo grao de autonomía, que organice o proceso da propia aprendizaxe e que aplique o aprendido a situacións cotiás das que poida avaliar os resultados. Do mesmo xeito, as competencias sociais e cívicas alcanzaranse procurando que o alumnado traballe en equipo, interactúe con outras persoas e grupos de forma democrática, e respecte a diversidade e as normas, e tamén mediante a análise da interacción entre o desenvolvemento tecnolóxico e os cambios socioeconómicos e culturais que produce.
O sentido de iniciativa e espírito emprendedor conséguese nesta materia a través do deseño, da planificación e da xestión de proxectos tecnolóxicos, ao transformar as ideas propias en dispositivos, circuítos ou sistemas. E a conciencia e as expresións culturais reflíctense na análise da influencia dos fitos tecnolóxicos en distintas culturas, e no seu desenvolvemento e progreso.
En función da vixencia e da utilidade dos aspectos que trata Tecnoloxía Industrial, esta materia ofrece, sen dúbida, un inmenso potencial para axudar a comprender o contorno social e tecnolóxico, e para desenvolver un conxunto de competencias relacionadas tanto co contexto profesional como coa participación cidadá e co desenvolvemento persoal.