Non pode dicirse que Risco fose un escritor moi fecundo se o comparamos con, por exemplo, Otero Pedrayo, con todo é interesante botar un ollo a algún dos seus relatos curtos para analizarmos algunhas das súas constantes temáticas e estilísticas.
Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919)
Trátase do primeiro relato en galego publicado polo noso autor. Supuxo unha ruptura coa tradición narrativa galega, o cal foi toda unha novidade. Leva a trama fóra de Galicia, a Exipto, a través da correspondencia entre o doutor Alveiros e o misterioso R. Dehmel: a momia de Tuthankhamon entra en xogo. Nel dálle saída ás súas obsesións: o esoterismo, o exotismo e o humor de ultratumba.
A trabe de ouro e a trabe de alcatrán (1925)
Parte da tradición oral moi estendido por toda a xeografía galega con multitude de versións, mais cunha clara vocación literaria. Nel cóntase como Bastián entra nunha cova que se bifurca en dous víos: un conduce á estancia dos mouros, representantes do poder da ciencia e da técnica; o outro, ao local dos Avós da Raza, druídas celtas que son os conservadores da tradición milenaria. Pretende contrapoñer a cultura mediterránea, allea e enganosa, fronte á celta, a nosa, a auténtica.
O lobo da xente (1925)
Trata un dos seus temas predilectos, a licantropía, de feito foi sobre o que versou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Unha moza enmeigada, condenada a se converter en loba, é desenmeigada por un mozo. Neste relato Risco recolle unha tradición fondamente galega, a dos lobishomes.
A Coutada (1926)
Trátase dunha novela curta de carácter alegórico en que se plasma a visión de Risco respecto de como debe ser entendida Galicia e o galeguismo: a posta en valor da vida tradicional fronte á das cidades acelerada, repetitiva e despersonalizada. O diálogo entre dous personaxes, un matrimonio, servirá para repasar os males da sociedade (segundo Risco) e poñer en valor a preservación do mundo tradicional e dos seus costumes.