Vicente Martínez Risco y Agüero
Vicente Risco é, sen dúbida ningunha, a figura máis controvertida do nacionalismo galego do século XX. Na súa persoa concéntranse dúas identidades contrapostas: por unha banda, a do teórico do nacionalismo galego, a do ideólogo sen o cal non sería posible entender o galeguismo anterior a 1936 nin o posicionamento en pé de igualdade da cultura e da literatura galega con outras da súa contorna. Por outra, a da persoa que renega do seu pasado e abraza os postulados franquistas.
Naceu en Ourense no ano 1884 no seo dunha familia acomodada. Matricúlase por libre en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e licénciase no ano 1906. Despois de conseguir unha praza de funcionario na súa cidade natal, interesouse polas vangardas literarias e filosóficas, polos decadentistas franceses e ingleses, ademais de polo orientalismo e o ocultismo.
As súas angueiras culturais levárono a viaxar a Madrid estudar Maxisterio. Alí foi alumno de Ortega y Gasset. De volta a Ourense no 1916 fundou a revista literaria La Centuria, xunto con Arturo Noguerol.
En 1917 ingresa nas Irmandades da Fala e dá comezo a súa etapa máis prolífica que o convertería no gran teórico do nacionalismo galego. Obras como Teoría do nacionalismo galego (1918) ou “Nós, os inadaptados” (1933) condensan a súa maneira de entender Galicia e o galeguismo. No ano 1929 ingresou na Real Academia Galega co discurso Un caso de licantropía.
A súa importancia non fica só no eido teórico, senón que tamén escribiu unha interesantísima obra narrativa; de feito, para John Rutherford esta faceta de Risco é a que autenticamente lle confire o papel de ideólogo da cultura galega. A súa novela O porco de pé (1928) supón unha cimeira da literatura galega.
Podes escoitar o que di o catedrático emérito do prestixioso Queen's College da Universidade de Oxford, especialista na historia da literatura galega, sobre Vicente Risco:
A súa ideoloxía conservadora e católica foino afastando das iniciativas políticas máis importantes do galeguismo. Anos máis tarde, no 1938, comeza a publicar en La Región artigos xornalísticos de apoio ao bando franquista. A partir desa data case non escribirá nada en galego até a súa morte, no ano 1963.