Como compartir o meu material
Que quero facer co meu material?
Lembremos que só polo feito de crear un material, mesmo aínda que non o publiquemos nin o rexistremos, xa se xeran dereitos de autor para nós. A partir do momento da creación temos dereitos exclusivos, tanto morais como de explotación, sobre a obra. Por tanto, se algunha persoa quere utilizar, modificar ou redistribuír o noso material (e non se pode acoller a ningunha das excepcións previstas na LPI) terá que solicitarnos permiso expreso.
E SE QUEREMOS COMPARTIR?
No caso de queiramos darlle máis difusión ao material creado, compartilo con outras persoas e contribuír ao coñecemento libre, teremos dúas opcións: marcar a obra como de Dominio Público ou aplicar unha licenza Creative Commons:
- Temos a opción de renunciar aos dereitos de explotación declarando o noso traballo de Dominio Público (indicándoo no mesmo, por exemplo coa icona correspondente de CC0). Desta forma damos liberdade aos usuarios para utilizar a obra da forma que lles conveña, sen ter a obrigación sequera de nomearnos como autor. Sempre teremos, iso si, os dereitos morais sobre a obra: a obra sempre vai ter autor, eu, aínda que non esixa que citen o meu nome.
- Unha opción intermedia de compartir o material con outros usuarios, permitindo a súa libre reprodución, modificación e redistribución pero só baixo certas condicións, é o uso das licenzas Creative Commons. Licenciando o noso traballo coas licenzas CC podemos dar liberdade para o uso da obra sempre que se nos recoñeza como autor e se cumpran as condicións específicas da licenza. Por exemplo, se licenciamos o noso traballo con CC BY-SA estamos a favorecer a cultura libre e o coñecemento compartido, á vez que se nos recoñece como autor e se require a que quen reutilice o contido que o faga coa mesma licenza, asegurándonos así de que continuará sendo un contido libre.
Antes de licenciar unha obra con CC
Antes de elixir a licenza a aplicar ao meu traballo debo contestar ás seguintes cuestións:
- Son o titular dos dereitos de explotación da obra? Como dixemos, as licenzas CC actúan sobre estes dereitos, por tanto, debo ser o titular dos mesmos para poder licenciar a obra con CC.
- Estou decidido a utilizar unha licenza aberta? As licencias CC son irrevogables. Se pode retirar o material de onde estea aloxado, pero isto non afectaría as copias que teñan outros usuarios no seu poder ou aquelas que circulen pola rede.
- Teño claro que dereitos de explotación quero ceder publicamente? Quero dar permiso para que poidan realizar modificacións sobre o meu material (actualización, tradución...) ou que se poida usar para fins comerciais? En función diso elixiremos unha ou outra das distintas licencias CC.
- Incorporei ao meu traballo materiais alleos? Se é así, debo comprobar que licenza teñen eses materiais, posto que pode provocar conflitos coa licenza que quero aplicar ao meu traballo (lembremos a infografía de compatibilidades do apartado anterior).
Unha vez teñamos claros estes aspectos, podemos proceder a aplicar ao noso recurso a licencia CC seleccionada.
Como licenciar unha obra con Creative Commons
No caso de que decidamos licenciar o traballo con CC debemos realizar un proceso moi sinxelo. Simplemente debemos consignar a licenza elixida no noso traballo.
Segundo o tipo de material creado, levaremos a cabo as seguintes accións:
- Material en liña
-
Na web de Creative Commons facilítannos unha ferramenta para licenciar un material en liña (recurso educativo dixital, blog, web, pdf enriquecido, materiais creados con ferramentas dixitais como eXeLearning, H5P, Genially...)
Paso 1. Accedemos á ferramenta
Accedemos á ferramenta de Creative Commons.
Paso 2. Eliximos as condicións
Seleccionamos as condicións que queiramos aplicar aos dereitos de explotación da nosa obra. Debaixo, aparecerá a licenza axeitada ás condicións seleccionadas, indicando ademais se é unha licenza de Cultura Libre ou non.

Paso 3. Completamos datos de autoría (opcional)
Opcionalmente, podemos completar máis datos para facilitar a atribución no caso de que alguén utilice o noso traballo.

Paso 4. Copiamos o código no noso material
Por último, seleccionamos o tamaño da icona a incorporar (normal / compacto), copiamos o código e pegámolo no noso material (ben o texto que aparece en primeiro lugar , ben o código HTML que se xera a continuación). Desta forma, facilitamos que os motores de procura determinen de forma precisa cal é a licenza que cobre a túa obra e como queres ser recoñecido por ela.

- Material fóra de liña
-
Incluiremos un texto plano no que se indique a ligazón á licenza elixida (recoméndase incluír tamén a icona da mesma):
Este traballo está licenciado baixo CC BY-SA 4.0 (https://creativecommons.org/licenses/by-sa/4.0/deed.é)
Tamén podemos utilizar a ferramenta dispoñible na web de Creative Commons indicando no Paso 3 que se trata dun material "fóra de liña", así como o tipo de material concreto ("formato").

- Material aloxado en plataformas externas (YouTube, Vimeo, Flickr...)
-
Algunhas destas plataformas dannos a opción de elixir a licenza coa que se publicará o noso material (por exemplo Vimeo permítenos elixir calquera das licenzas CC, no caso de YouTube só admite a licenza CC-BY ademais da súa licenza YouTube estándar). Se a plataforma non dispón deste sistema, podemos incorporar a licenza dentro do material (na portada do documento, ao principio do audio ou vídeo...) ou na descrición do mesmo (copiando o texto enriquecido obtido coa ferramenta de CC).
Nesta páxina de Wikipedia podemos ver exemplos concretos de como marcar os nosos traballos coa licenza CC, en función do formato (imaxe, vídeo, blog, audio, presentación...).
|
IMPORTANTE No caso de que incorporemos ao noso material contidos con distintas licenzas compatibles (por exemplo, unha imaxe CC BY nun material CC BY-SA) ou baixo algunhas das limitacións e excepcións contempladas pola LPI (por exemplo, unha imaxe con copyright para comentala baixo dereito de cita), debemos indicalo claramente, de forma que non dea lugar a confusión. Outorgar unha licenza CC a un material implica que todo o contido está baixo as mesmas condicións. Por tanto, se algún elemento non ten esa licenza debe marcarse claramente. Nese caso, podemos incluír unha nota na licenza xeral do tipo: "Este material está baixo licenza CC BY, salvo onde se indique o contrario". Máis información e recomendacións na páxina Marking/Creators/Marking third party content de Wikipedia. |
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Compartir igual 4.0