Tema1: A vida na Terra

Contido

Tema1: A vida na Terra. 1

Que é un organismo vivo?. 1

A materia viva e a materia inerte. 1

Composición química dos organismos vivos. 1

Funcións vitais dos organismos vivos. 2

A organización dos organismos vivos. 3

A célula e a teoría celular. 3

Estrutura dunha célula eucariota. 4

Que é un organismo vivo? Volver ao contido

Os organismos vivos compartimos unha serie de características que nos identifican:

· Somos estruturalmente moi complexos. Somos materia (posuímos masa e volume) composta por átomos que se unen e combinan construíndo moléculas, que tamén se unen dando lugar a macromoléculas (moléculas moi grandes). Pero aquí non remata a nosa complexidade, xa que as macromoléculas dan lugar a estruturas celulares (orgánulos) que forman células, as células organízanse en tecidos, os tecidos dan lugar a órganos que se constitúen nos aparatos e sistemas que finalmente se converten nun ser vivo.

· Estamos formados por unha unidade básica común, responsable da nosa forma e estrutura (unidade estrutural) pero tamén das funcións que podemos realizar (unidade funcional). Esta unidade é a célula.

· Levamos a cabo as chamadas funcións vitais: nutrición, relación e reprodución.

A materia viva e a materia inerteVolver ao contido

Toda a materia do Universo está constituída polos mesmos compoñentes básicos, que son os átomos e a combinación deles, as moléculas. Isto quere dicir que una rocha calquera ten átomos e moléculas, pero tamén os ten un carballo, una miñoca ou calquera de nós. Porén podemos diferenciar a materia viva (que forma parte dos seres vivos) da materia inerte dado que os átomos que a forman non están nas mesmas proporcións e que moitas moléculas presentes na materia viva non aparecen nunca na materia inerte. Ademais as moléculas na materia viva poden chegar a ser moi complexas (macromoléculas), como xa vimos.

Composición química dos organismos vivosVolver ao contido

De todos os elementos químicos que existen só uns poucos forman parte da materia viva, polo que se denominan bioelementos. Os que aparecen en grandes cantidades denomínanse bioelementos primarios e son o carbono (C), o hidróxeno (H), o osíxeno (O), o nitróxeno (N), o fósforo (P) e o xofre (S). O resto denomínanse bioelementos secundarios, e entre eles destacan o sodio (Na) o potasio (K) o calcio (Ca), o magnesio (Mg), o cloro (Cl) e o silicio (Si). Pregunta1

Hidróxeno

Osíxeno

Carbono

Nitróxeno

Fósforo

Xofre

Ilustración 2. Estrutura electrónica (os puntos son electróns) dos bioelementos primarios. (Greg Robson-commons.wikimedia.org)

O motivo polo que os átomos de certos elementos químicos son máis abundantes hai que buscalo nas unións fortes (enlaces químicos) que se producen entre eles para formaren moléculas estables (pensa no conto dos tres porquiños... Quen había facer a casa de palla tendo granito?). A estas moléculas que forman parte dos organismos vivos denominámolas biomoléculas e clasificámolas en:

· Biomoléculas inorgánicas, presentes na materia inerte e na materia viva:

Auga

A auga é unha molécula moi especial que condiciona totalmente a posibilidade de que nun lugar concreto poida haber vida. Ten unhas propiedades características que fan que os organismos vivos poidan cumprir moitas funcións: termorreguladora, esqueleto hidrostático, medio de transporte, etc. Pregunta2

Ilustración 3. Molécula de auga e estrutura da auga líquida. Autor: José Alberto Bermúdez Banco de recursos INTEF

Sales minerais

As sales minerais teñen funcións variadas cando están disoltas en auga pero cando están en estado sólido a súa principal función é formar parte das estruturas esqueléticas, como cunchas, cachos ou ósos.

Ilustración 4. O compoñente maioritario das cunchas é o carbonato cálcico. Autor: Albert Kok Commons.wikimedia.org

· Biomoléculas orgánicas, presentes exclusivamente na materia viva ou os seus produtos:

Glícidos (azucres ou carbohidratos)

Son utilizados para a obtención da enerxía necesaria para calquera actividade, como pode ser o movemento.

Lípidos (graxas e outras substancias semellantes)

Tamén se usan para a obtención de enerxía e con frecuencia amoréanse para utilizar como reserva.

Proteínas

Teñen moitas funcións como a estrutural (músculo) e defensiva (anticorpos) entre outras.

Ilustración 5. Grupos de alimentos e biomoléculas máis abundantes na súa composición. Modificado deNagagym Commons.wikimedia.org

Ácidos Nucleicos

Os ácidos nucleicos (ADN e ARN) conteñen a información xenética mediante a que dirixen todas as actividades da célula.

Funcións vitais dos organismos vivosVolver ao contido

Un organismo para poder ser considerado vivo ten que realizar as funcións vitais: nutrición, relación e reprodución.

A función de nutrición consiste en todas aquelas actividades que o organismo leva a cabo para incorporar materia que lle permita medrar e renovar as estruturas danadas así como obter enerxía para realizar todas as súas actividades vitais. Para isto os organismos vivos necesitan incorporar alimento e transformalo (inxestión, mastigación, dixestión, etc.), intercambiar gases coa atmosfera (respiración), repartir todo polo corpo (circulación) e eliminar os produtos de refugallo que se produzan (excreción).

Nos seres vivos hai dous tipos principais de nutrición:

· Nutrición autótrofa: os organismos con esta nutrición conseguen o alimento transformando a materia inorgánica en orgánica polo que non se alimentan doutros seres vivos. As plantas, que fan a fotosíntese, son organismos autótrofos.

· Nutrición heterótrofa: os organismos con esta nutrición obteñen o seu alimento a partir da materia orgánica fabricada por outros organismos vivos. Todos os animais son heterótrofos e dependendo do tipo de alimentación poden ser omnívoros, carnívoros, herbívoros, saprófitos e parasitos.

A función de relación consiste en todas aquelas actividades que o organismo realiza para detectar o que ocorre ao seu redor (percibir luz, sons, frío, calor, etc.) e poder reaccionar (movemento, secreción) da mellor forma posible grazas á conexión (sistema nervioso) entre os órganos sensoriais e os que producen o movemento (sistema muscular e esquelético).

A función de reprodución consiste nas actividades que os organismos vivos levan a cabo para producir novos organismos que substitúan aos que van morrendo. Existen dous grandes tipos de reprodución:

· Asexual: só precisa dun individuo reprodutor, que producirá dous ou máis individuos novos.

· Sexual: precisa da unión (fecundación) de dúas células sexuais (gametos) distintas (óvulo e espermatozoide) producidas por dous individuos proxenitores de sexos distintos (macho e femia). A fecundación dá lugar a un cigoto que se vai desenvolvendo ata orixinar un novo individuo.Pregunta3

A organización dos organismos vivosVolver ao contido

Os organismos vivos son moi complexos pero é obvio que uns máis ca outros; pensemos nun fungo, nun insecto ou nun vertebrado. Na complexa estrutura dos organismos vivos podemos establecer niveis de organización, que se caracterizan polo feito de que para pasaren a un nivel de complexidade superior combínase os compoñentes do nivel inferior coma nun xogo de construción: coas pezas máis sinxelas fórmanse outras máis complexas e así sucesivamente ata conseguir completado.

Nivel

Compoñente

Exemplos

Atómico

Átomos dos elementos químicos

C, H, O, N, etc

Molecular

Moléculas (unión de dous ou máis átomos do mesmo elemento químico ou de distintos)

Macromoléculas

H2, O2, H2O, CO2,



Hemoglobina, ADN

Celular

Células procariotas

Células eucariotas

Bacterias

Protozoos

Neurona, miocito, osteocito

Pluricelular

Tecidos

Órganos

Sistemas e aparatos

Organismo

Nervioso, muscular, óseo

Encéfalo, músculo, óso

Nervioso, locomotor

Lobo

Poboación

Individuos da mesma especie nun lugar

Carballos, lobos, coellos

Ecosistema

Conxunto de poboacións dun lugar

Fraga


A célula e a teoría celularVolver ao contido

No século XVII, Robert Hooke observou a través do seu rudimentario microscopio que as láminas finas de cortizo estaban constituídas por celas máis ou menos regulares semellantes ás que forman os panais de abellas. A estas celas denominounas células.

Ilustración 6. Microscopio utilizado por R. Hook - commons.wikimedia.org
Ilustración 6bis. Debuxo de R. Hook dunha lámina de cortizo - commons.wikimedia.org
Para saber máis sobre o microscopio preme nel.
Para practicar o seu uso preme na imaxe do cortizo.



Posteriormente outros investigadores utilizando mellores microscopios atoparon que estruturas semellantes aparecían noutros vexetais e tamén en animais. Con estas e outras investigacións chegouse ás conclusións que se recollen na chamada teoría celular:

1. Todos os organismos vivos están formados por células.

2. A célula é a unidade morfolóxica (dá forma e consistencia) e fisiolóxica (leva a cabo todas as funcións vitais) de todos os organismos vivos.

3. Toda célula procede doutra célula preexistente que se reproduce por mecanismos de división celular.

As células máis sinxelas son as chamadas células procarióticas, presentes nos organismos procariotas como as bacterias, que están formados por unha única célula e por tanto se denominan unicelulares.Pregunta4

Ilustración 7. Debuxo dunha bacteria (célula procariota). Modificado de LadyofHats Commons.wikimedia.org


Procariotas

Eucariotas

Material xenético

ADN espallado polo citoplasma

Pechado nun núcleo separado do resto do citoplasma por unha membrana nuclear.

Orgánulos

Ribosomas (sen membrana)

Moitos

· Sen membrana: ribosomas, centríolos

· Con membrana: retículo endoplasmático, mitocondrias, aparato de Golgi, etc.

Organismos

Bacterias

O resto de organismos vivos.





As células eucarióticas teñen moitos orgánulos e un núcleo co material xenético separado do resto da célula por unha membrana nuclear. Os protozoos son organismos vivos formados por unha única célula (unicelulares) eucariota. Os animais e os vexetais están formados por moitas células (pluricelulares) de tipo eucariota pero presentan grandes diferenzas, polo que falamos de células vexetais e animais, respectivamente.

Estrutura dunha célula eucariotaVolver ao contido

Ilustración 8. Célula eucariota animal. Modificado de Mediran e LadyofHats. Commons.wikimedia.orgPregunta5

Ilustración 8bis. Célula eucariota vexetal. Modificado de Mediran e LadyofHats. Commons.wikimedia.orgPregunta6

Partes e orgánulos dunha célula eucariota animal


Célula animal típica

Descrición

Estruturas básicas

  • Membrana plasmática

Fina capa que envolve e protexe á célula.

  • Citoplasma

Volume interno (agás o núcleo) da célula maioritariamente formado por auga onde se atopan os orgánulos.

  • Núcleo

Parte da célula onde se atopa o material xenético delimitado pola membrana nuclear.

Orgánulos

  • Retículo endoplasmático

    • Rugoso

    • Liso

Conxunto de sacos membranosos comunicados entre si coa función de transporte das substancias que fabrica.

Con ribosomas. Fabrica proteínas.

Sen ribosomas. Fabrica lípidos.

  • Ribosomas

Diminutos orgánulos esféricos onde se fabrican proteínas.

  • Aparato de Golgi

Conxunto de sacos aplanados onde se fabrican glícidos e se empaquetan diversas substancias en vesículas.

  • Vesículas

Esferas membranosas que acumulan substancias

  • Mitocondria

Orgánulo de dobre membrana onde se produce enerxía mediante a respiración.

  • Lisosomas

Vesículas con substancias para facer a dixestión celular.

  • Centríolos

Son un par de cilindros perpendiculares coa función de participar na reprodución celular (mitose).

Estruturas adicionais

  • Flaxelo

  • Cilios

Estruturas para o movemento celular que non sempre están presentes. Os flaxelos son longos filamentos en pequeno número (1 ou 2). Os cilios son coma pequenas pestanas, moi numerosas.

Volver ao contido

Diferenzas entre células animais e vexetais

Célula animal

Célula vexetal

  • Centríolos

  • Flaxelo

  • Cilios

  • Vacúolo central

  • Cloroplastos

  • Parede celular

Os demais orgánulos son comúns para ámbolos dous tipos de células.


Última modificación: xoves, 21 de xullo de 2016, 1:11 PM