Section outline

  • Tema 2: Biodiversidade. O Reino Moneras

    A pouco que nos fixemos no que nos rodea decatarémonos de que compartimos este planeta cunha enorme variedade doutros organismos vivos, dende as microscópicas bacterias ata os enormes cachalotes. Todos somos o resultado de case 4.000 millóns de anos de evolución ao longo dos cales desenvolvemos mecanismos de adaptación ao medio que nos rodea, sexa acuático (respiración por branquias, aletas e corpo fusiforme por exemplo), terrestre (respiración por pulmóns, patas e pelo) ou aéreo (adquisición de ás). Poderiamos pensar que importa pouco que unhas insignificantes bacterias, liques, fungos, vermes, ou insectos desaparezan para sempre pero con eles habían desaparecer parte dos recursos que manteñen a vida na Terra, regulan o clima, a calidade do aire e da auga e nos proporcionan alimentos, fibras, enerxía, medicinas, etc.