Section outline
-
Tema 4: O Reino das plantas.
Os organismos vivos dependemos uns de outros, non podemos vivir illados. Isto é comprensible tendo en conta que uns nos alimentamos doutros: o lobo come o coello e este a verza. E a quen come a verza? Todos sabemos que as plantas non necesitan comer xa que fabrican o seu alimento a partir de auga, dióxido de carbono e sales minerais. Estas substancias inorgánicas son moi pobres en enerxía, e aínda así a planta é quen de transformalas en substancias orgánicas que acumulan moita enerxía. De onde sae esa enerxía? Pois da luz solar capturada pola clorofila e outros pigmentos acumulados nos cloroplastos das súas células. Así, as plantas funcionan como os produtores de materia orgánica da que se van a alimentar o resto de organismos. A enerxía que utiliza o lobo para moverse procede do seu alimento: o coello, que corre grazas á enerxía que lle aporta a verza, e esta fabrica o seu alimento utilizando a luz solar. Non é raro pois que moitas civilizacións antigas consideraran o sol un deus, o deus que nos dá a enerxía.
