
O Entroido celébrase en Galicia desde moi antigo. Algúns estudos opinan que a súa orixe pode ser celta ou romana.
Esta festa é unha transgresión das normas establecidas e nela faise crítica das institucións ou das persoas, sobre todo a través de cantigas satíricas que reciben o nome de atranques, testamentos ou coplas.

Antes da chegada do cristianismo o Entroido era unha festa para celebrar o fin do inverno e o comezo da primavera. Logo pasou a marcar a entrada nun tempo de abstinencia, que no calendario relixioso recibe o nome de Coresma, na que non se podía comer carne.
"Adios Martes de Entroido,
adios meu amiguiño;
ata Domingo de Pascua
non comerei máis touciño."