Saltar navegación

As datas do Entroido

Aínda que as datas centrais do entroido son o domingo, luns e martes, hai zonas que celebran outras:
Domingo Fareleiro ou Borralleiro.
A celebración desta festa nunca estivo moi estendida por Galicia e o seu ámbito redúcese ao sur da provincia de Ourense.

Acostumaba a se celebrar quince días antes do Domingo de Entroido e consistía en que nenos e mozos se enzoufaban mutuamente con fariña.


Xoves de Compadres e Comadres.
O Xoves de Compadres celébrase dez días antes do Domingo de Entroido e o Xoves de Comadres tres días antes. O Xoves de Compadres as mozas facían un boneco que vestían de home e colgaban dun balcón nun sitio onde non fose fácil ser rescatado polos mozos. O Xoves de Comadres a festa era ao revés: os mozos facían unha boneca e as mozas trataban de arrebatárllela.


O Domingo Oleiro ou Corredoiro.
É o domingo anterior ao de Entroido e nel aparecen as primeiras máscaras.
No sur da provincia de Ourense un grupo de homes colocábanse en círculo e íanse pasando unha ola de barro que en ocasións podía ir chea de viño, terra, fariña ou auga. O que non fose capaz de recollela intacta, tiña que aturar a burla dos demais xogadores e do público, ademais de pagar unha ola de viño.


Domingo de Piñata.
Celébrase o domingo despois do de Entroido. Nunca lle gustou á Igrexa católica porque coincide co primeiro domingo de Coresma e non estaban ben vistos neste tempo os bailes e as máscaras.
Así como as celebracións anteriores son tipicamente rurais, esta é máis propia de vilas e cidades. Nas aldeas o Entroido quedaba xa enterrado definitivamente o Mércores de Cinza coa queima dun boneco representativo ou co Enterro da Sardiña.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)