O pasado mércores, o alumnado de 4º de Educación Primaria realizou unha visita moi especial á Libraría Couceiro, onde tivo a oportunidade de participar nun interesante encontro con Pablo.
Durante a actividade, fixeron un percorrido pola historia do libro, descubrindo como foron cambiando ao longo do tempo os materiais empregados para escribir, as técnicas utilizadas e a importancia da invención da imprenta. Ademais, Pablo compartiu con eles/as numerosas anécdotas e curiosidades que nos axudaron a comprender mellor o enorme valor dos libros como parte da nosa cultura e da nosa historia.
Os grandes tesouros da nosa biblioteca son, sen dúbida, os libros, e esta visita serviunos para apreciar aínda máis todo o que agochan nas súas páxinas.
Tamén tivemos tempo para gozar dun bo anaco na sección infantil e xuvenil da libraría, descubrindo novas lecturas e ollando libros moi interesantes.
Queremos agradecer especialmente a Pablo e a María a súa atención, a súa amabilidade e o cariño con que sempre nos reciben na Libraría Couceiro. Foi unha experiencia moi enriquecedora que seguro lembraremos con moito agarimo.
