Breve historia do noso centro
A andaina deste centro, o máis antigo da cidade, iníciase co Real Decreto de 30 de marzo de 1849, cando se crean as Escolas Normais Superiores para a Formación de Mestres e Mestras. Nace deste xeito a Escola Normal Superior da Universidade Literaria de Santiago de Compostela. As Escolas (a Normal e a Práctica), chamadas despois escolas Graduadas Anexas ás Normais, instalaríanse despois no Pazo de San Xerome. Este centro, que na época da IIª República era mixto, deixa de selo despois de 1936.
Hai 50 anos, no curso 1975-76, faise o traslado, aínda como escola só de nenos, ao novo edificio sito na Avda. de Xoán XXIII (con entrada tamén pola Rúa Xasmíns e compartindo recursos coa Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte), onde nos atopamos na actualidade. Haberá que esperar ata 1977, coa chegada da democracia, para que empece o ensino mixto no centro.
No ano 1982 a Consellería de Educación da Xunta de Galicia recibe as transferencias das competencias educativas, entre as que se encontra a das Anexas. Así, a partir do 1984 pasa a ser un Centro Público de Prácticas dependente da referida Administración. Inicialmente, o Colexio “López Ferreiro” imparte a denominada nese momento Educación Preescolar, no seu segundo ciclo, a Educación Primaria e o primeiro ciclo da Educación Secundaria.
O centro está adscrito ao IES Xelmírez I, situación que mantemos a día de hoxe, con adscrición asemade ao IES Xelmírez II.
Breve historia do edificio actual
O edificio que ocupa o noso centro educativo cumpre, como sinalamos, 50 anos de actividade. Esta construción amosa un importante valor arquitectónico, como exemplo do denominado “brutalismo”. Destaca pola combinación de volumes horizontais e verticais de formigón e cristal. Nel, a textura rugosa, a tonalidade natural e a robusteza, son os protagonistas, ao igual que noutras edificacións deste estilo.
Pertence ao traballo iniciado polo arquitecto Moreno Barberá en Santiago coa construción da Escola de Maxisterio entre 1967 e 1969. A obra deste arquitecto está a ser reivindicada na actualidade.