O pasado mércores 22 de abril ás 17:00 celebramos un novo Encontro Lector na nosa biblioteca, no que, unha vez máis, familias, alumnado e profesorado compartimos unha tarde inesquecible arredor dos libros. A participación foi excelente e o ambiente, como sempre, estivo marcado polo interese, o respecto e o gusto pola lectura compartida.
O grupo de lectoras e lectores principiantes mergullouse na obra “Parchís”, de María Girón, un conto que bebe da tradición oral e que nos sorprendeu pola súa orixinalidade e polo seu vínculo co xogo que lle dá nome. As nenas e os nenos gozaron da historia, participando activamente e deixando voar a súa imaxinación.
Pola súa banda, as lectoras e lectores autónomos achegáronse a “Charlotte”, de Consuelo Vercher, ilustrado por Clara Encinas. Esta obra permitiunos reflexionar, a través da mirada dunha nena cunha grande fantasía, sobre cuestións profundas como a vida e a morte, sempre desde unha perspectiva sensible, respectuosa e solidaria. O alumnado amosou unha grande madurez nas súas intervencións e un interese destacable polos temas tratados.
Finalmente, no grupo de familias lectoras, compartimos a lectura de “O corpo de Cristo”, de Bea Lema, unha obra recoñecida co Premio Nacional de Cómic 2024. A súa beleza visual e a delicadeza coa que aborda cuestións como a saúde mental e os coidados deron lugar a unha conversa moi enriquecedora, chea de reflexións e achegas persoais.
Unha vez máis, este encontro puxo de manifesto o valor da lectura como ferramenta para o diálogo, o pensamento crítico e a educación en valores. Agradecemos profundamente a implicación de todas as persoas participantes, que fixeron posible unha tarde tan especial.
Seguimos a medrar como comunidade lectora!
