Co gallo da celebración do Día do Libro no noso colexio, organizamos unha serie de actividades moi especiais destinadas a fomentar o amor pola lectura desde as idades máis temperás. Entre elas, destacaron as sesións de contacontos en inglés dirixidas a todo o alumnado de Educación Infantil.
Da man de Olivia, a nosa auxiliar de conversa, os nenos e nenas mergulláronse no fascinante mundo das historias, descubrindo personaxes, emocións e aventuras… esta vez en lingua inglesa! A través dunha posta en escena dinámica, expresiva e chea de entusiasmo, Olivia conseguiu captar a atención do alumnado, facendo da experiencia algo tan educativo como divertido.
Ademais, e en relación coas lecturas traballadas, o alumnado participou na elaboración de fermosos traballos manuais de carácter artístico. Estas creacións permitiron reforzar a comprensión dos contos e favorecer unha vivencia máis activa da lectura, convertendo aos pequenos e pequenas en protagonistas do seu propio proceso lector.
A actividade foi, sen dúbida, todo un éxito: resultou moi motivadora, estimulante e enriquecedora para o alumnado, que gozou aprendendo nun ambiente lúdico e participativo.
Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Olivia pola súa dedicación, implicación e agarimo, que fixeron posible unha experiencia tan especial.
Seguimos apostando por actividades que esperten a curiosidade e o pracer pola lectura desde os primeiros anos!
