Unha das actividades estrela na nosa celebración do Día do Libro foi a orixinal proposta de “cita a cegas cun libro”, que espertou unha enorme curiosidade e entusiasmo entre o alumnado.
A dinámica era sinxela pero moi especial: os libros presentábanse envoltos, ocultando a súa portada e título, de xeito que os nenos e nenas tiveran que escoller a súa lectura a cegas. Para axudar na elección, cada exemplar incluía no seu envoltorio unha serie de palabras suxerentes, pequenas pistas cheas de misterio que convidaban a deixar voar a imaxinación.
Deste xeito, o alumnado deixouse levar pola intuición, polos sentimentos e pola curiosidade, afastándose dos prexuízos habituais á hora de escoller un libro. A emoción de descubrir que historia se agochaba tras cada paquete converteu a experiencia nun xogo apaixonante.
As reaccións non se fixeron esperar: sorrisos, sorpresa e moitas ganas de comezar a ler foron as protagonistas. O alumnado gozou enormemente da actividade, vivindo a lectura como unha verdadeira aventura chea de descubrimentos.
Sen dúbida, esta proposta contribuíu a reforzar o interese polos libros e a demostrar que, ás veces, as mellores historias son aquelas que nos atopan cando menos o esperamos.
