O pasado venres, un grupo de integrantes do voluntariado da biblioteca desprazámonos ata a coñecida libraría Couceiro para participar na campaña “Doce comercios, doce sensibilidades”, unha fermosa iniciativa promovida polo Concello de Santiago de Compostela en colaboración co tecido comercial local.
Alí tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man o valioso labor que desenvolve a Fundación Dano Cerebral, achegándonos á súa realidade e ao impacto social do seu traballo. A través dun obradoiro práctico, aprendemos a elaborar uns chaveiros de tea semellantes aos que confeccionan para recadar fondos destinados á fundación, o que nos permitiu comprender mellor o esforzo, a dedicación e o coidado que require cada peza.
Esta experiencia resultou especialmente reveladora, xa que nos fixo tomar conciencia tanto do proceso artesanal que hai detrás destas creacións como da situación das persoas que reciben apoio da fundación. Foi, sen dúbida, unha actividade moi enriquecedora a nivel humano e formativo.
Ademais, a visita serviunos para recoller ideas inspiradoras de cara á organización de futuros obradoiros na nosa biblioteca, fomentando así a creatividade e o compromiso social entre a comunidade educativa. Por se fose pouco, aproveitamos a ocasión para explorar os fondos da libraría, descubrindo novidades e títulos de grande interese.
Regresamos coa satisfacción dunha experiencia ben aproveitada, encantados/as pola acollida recibida e, sobre todo, co entusiasmo renovado para seguir participando en iniciativas solidarias coma esta, que tanto achegan e enriquecen.
Queremos, por último, expresar o noso sincero agradecemento á Fundación Dano Cerebral polo seu labor incansable e pola súa xenerosidade ao compartir connosco a súa experiencia; á libraría Couceiro pola súa cálida acollida e disposición; e ao Concello de Santiago de Compostela por impulsar iniciativas tan necesarias e enriquecedoras para a cidadanía.

Nos días posteriores, asistimos á presentación do libro.
