A vindeira semana, concretamente o mércores 14, a Biblioteca Helena Villar abre de novo as súas portas e faino cargada de propostas, actividades e moitas ganas de compartir lecturas, experiencias e creatividade con toda a comunidade educativa.
Aquí vos presentamos as iniciativas coas que botamos a andar neste novo curso:
Volven as mochilas viaxeiras! O mesmo mércores sairán as mochilas viaxeiras, que cada neno e nena levará á súa casa para compartir coa súa familia. Como vén sendo habitual, permanecerán en cada fogar durante unha semana, de mércores a mércores, para gozar da lectura en compañía.
Libros para vivir o outono. Coa chegada do outono, o Samaín e o Magosto están á volta da esquina. Por iso, o equipo da biblioteca preparou unha pequena exposición de libros relacionada con estas celebracións, situada na entrada da biblioteca.
A biblioteca dos nosos soños. Este mes celebramos tamén o Día das Bibliotecas Escolares. Para conmemoralo, estamos enchendo de nubes os taboleiros situados xunto á biblioteca. Nelas, o alumnado está ilustrando ou describindo a súa particular Biblioteca dos Soños. Unha fermosa maneira de imaxinar, entre todas e todos, como sería ese espazo ideal para ler, compartir e aprender.
Unha biblioteca creativa. No marco do programa Biblioteca Creativa, a súa coordinadora, Sandra Vidal, organizou un obradoiro de escritura colectiva no que convidamos a participar a todo o alumnado. Nas aulas deixaremos unha guía coas indicacións para desenvolver a actividade, dando renda solta á imaxinación
I Xornadas do Patrimonio Cultural Inmaterial. Para esa mesma semana, a mestra de Música, Patricia Fernández, preparou unha fantástica programación para conmemorar a celebración das I Xornadas do Patrimonio Cultural Inmaterial do CEIP López Ferreiro. Algunhas das actividades desenvolveranse na Biblioteca Helena Villar e contarán coa participación de todo o alumnado. Unha proposta chea de música, cultura e tradicións, pensada para descubrir, valorar e gozar do noso patrimonio cultural.
Comezan os retos lectores! Sen máis demora, poñemos en marcha os retos lectores mensuais. Ao longo dos corredores atoparedes a información sobre o reto de cada mes e, ademais, entregaremos os pasaportes lectores, nos que a cada participante poderémoslle rexistrar os retos que vaia superando.
Arrincan os clubs de lectura Por último, a Biblioteca Helena Villar pon en marcha os seus clubs de lectura, coordinados por Rosa Suárez e abertos a toda a comunidade educativa. Unha nova oportunidade para compartir libros, intercambiar opinións e descubrir o pracer de ler en compañía
