O pasado 3 de xuño celebramos o último encontro lector deste curso, unha xornada na que compartimos lecturas, impresións e actividades creativas arredor de dúas obras que nos permitiron seguir descubrindo o pracer de ler.
Na sesión, o alumnado de Lectoras e lectores principiantes e Lectoras e lectores autónomas/os participou nunha proposta de lectura, escritura e ilustración creativa inspirada no álbum Què li diu, de María Dalmau e Óscar Julve. A través desta obra, os nenos e nenas puxeron en marcha a súa imaxinación, interpretaron as ilustracións, inventaron diálogos e crearon os seus propios textos, demostrando que a lectura é tamén unha oportunidade para crear e expresar emocións.
Pola súa banda, o grupo de Familias lectoras achegouse á novela teatral As alumnas, de Paula Carballeira, unha obra recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e co Premio Follas Novas. A lectura permitiunos reflexionar, tendo en conta o tríptico elaborado por Mª Carmen Montero, sobre a memoria, o papel da educación e a figura da mestra María Barbeito, a través do reencontro de dúas antigas alumnas no ano 1970, coincidindo coa morte da súa profesora.


Este último encontro foi moito máis ca unha sesión de lectura: converteuse nun espazo para compartir ideas, dialogar, crear e gozar da literatura en comunidade. Ao longo do curso, os encontros lectores contribuíron a fortalecer o gusto pola lectura e a consolidar un espazo de convivencia no que alumnado, familias e escola avanzan da man.
Queremos agradecer a participación e o entusiasmo de todas as persoas que formaron parte desta iniciativa. Agardamos volver atoparnos o próximo curso con novas historias que nos emocionen, nos fagan pensar e nos axuden a seguir medrando como lectoras e lectores.
Bo verán e felices lecturas!
