O mércores pola mañá, a biblioteca do noso centro transformouse nun taller de soños, imaxinación e moitas, moitas historias. E todo grazas á visita da escritora Rosa Aneiros, que nos guiou nun Obradoiro de escritura creativa inesquecible.
Dende o primeiro momento, Rosa conectou con nós dun xeito próximo e participativo. Fixo que nos sentísemos como verdadeiros escritores e escritoras, e axudounos a deixar a un lado a timidez e os medos. "As historias non nacen perfectas", contounos. "Nacen dunha pequena idea, dunha pregunta, de algo que che pasou... ou dun 'E se...?'".
Descubrimos que ser escritora tamén significa equivocarse, reescribir e, sobre todo, gozar. As ideas poden xurdir da vida diaria, dos recordos, dos soños ou da xente que coñecemos. Aprendemos que escribir tamén é xogar.
Houbo risas, sorpresas e, sobre todo, moitas ganas de seguir escribindo.
Rosa Aneiros deixounos unha mensaxe moi clara: non hai historias malas, cada persoa imaxina de forma diferente, e o importante é probar, atreverse e divertirse.
Desde a biblioteca, queremos darlle as grazas por espertar a nosa creatividade e facernos sentir que todos e todas temos unha historia dentro que merece ser contada.
E ti, que historias imaxinarías ti hoxe?
