Desde hai anos, o CEIP López Ferreiro conta cun Grupo Solidario coordinado por unha das docentes con maior traxectoria do centro, consolidándose como un espazo estable de participación, sensibilización e compromiso social. Ao inicio de cada curso, o alumnado pode anotarse voluntariamente para formar parte deste grupo, que se reúne habitualmente durante os recreos — un día á semana— para reflexionar, formarse e organizar distintas iniciativas solidarias.
A través destes encontros, o alumnado achégase progresivamente a cuestións relacionadas coa xustiza social, os coidados, as desigualdades, a cidadanía global ou o labor que desenvolven distintas entidades e colectivos da contorna. Deste xeito, o grupo convértese nun espazo no que aprender a mirar a realidade con máis conciencia, empatía e compromiso.
Entre as propostas impulsadas polo Grupo Solidario destacan a organización de mercadiños solidarios destinados a responder ás necesidades transmitidas polo Albergue Xoán XXIII —moi próximo ao centro— ou a apoiar proxectos como a Escola El NANZAL, en Guatemala.
Ademais, o alumnado implicado colabora noutras accións de sensibilización e transformación social.
