Este curso estivo marcado por un importante reto para O Horto do Ferreiro. As obras de mellora que se están a desenvolver no centro obrigaron a desmontar temporalmente o noso horto escolar, un espazo que, nos últimos anos, se convertera nun auténtico laboratorio vivo de aprendizaxe.
Lonxe de supoñer un freo, esta situación converteuse nunha nova oportunidade para seguir medrando. O Equipo de Medio Ambiente e a Patrulla Verde puxéronse mans á obra para buscar alternativas, impulsando a creación do “Xardín do Ferreiro”, no patio de columnas, a posta en marcha dun pequeno horto no patio de Educación Infantil e a colocación de xardineiras colgantes nas entradas do colexio.
Ademais, elaborouse un herbario das plantas de Santiago, achegándonos á biodiversidade do noso entorno máis próximo e fíxose a identificación das herbas de San Xoán, recuperando tradición, natureza e cultura.
