Este curso desenvolvimos no noso centro o proxecto “Compostela Composta” en colaboración co Concello de Santiago e a Asociación ADEGA para estudar como debe realizarse eficientemente a recollida separada do lixo e a compostaxe e comprobar se o estabamos a cumprir na nosa escola.
No mes de decembro, instaláronse 10 paneis expositivos sobre o tema da separación do lixo e a compostaxe, no corredor do último andar. Foi de libre visita para toda a comunidade escolar, pero o alumnado de 5º de Educación Primaria tivo a oportunidade de realizar un percorrido guiado con Itziar - educadora de ADEGA - que volveu a achegarse ao centro no 2º trimestre para dúas sesións. Na primeira delas, puido acompañar ao alumnado nunha investigación por equipos sobre a xestión do lixo: fixeron entrevistas ao equipo directivo, á conserxe, revisaron os contedores dos corredores, foron a diferentes aulas e visitaron o composteiro que está no horto. Na última sesión, estudaron os resultado das entrevistas e fixeron un informe (eco-auditoría) sobre os aspectos a mellorar no nosa escola no referente á xestión dos residuos: orgánicos, na separación do papel e plástico e na forma de recollelos.
Tras esta avaliación, puxemos en marcha iniciativas de mellora. Unha delas foi a colocación dunha rede metálica no fondo do composteiro para poder botar restos das peladuras das froitas das merenda, pois ata ese momento, só botabamos restos orgánicos como follas, restos de podas,... Ademais, debemos colocar máis contedores nas aulas para separar e clasificar o lixo así como tratar de reducir o uso de plásticos e de papel.
