A finais do curso 2023-2024, desde o IES Xelmírez I, centro de referencia ao que está adscrito o noso alumnado, propuxéronnos comezar a introducir no noso centro os Equipos de Axuda, promovendo así que o alumnado de primaria coñeza antes do cambio de etapa esta filosofía de apoio entre iguais.
Tras unha sesión informativa ao Claustro da man de Jennifer Herbón, no curso seguinte, e coincidindo coa chegada do novo equipo directivo, apostouse pola implantación do programa co alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
Os nosos Equipos de Axuda están formados por alumnado voluntario, escollido e recoñecido polo seu grupo-clase, que recibe 10 horas de formación específica para desenvolver unha tarefa fundamental: coidar da convivencia, acompañar a quen o precise, previr situacións de exclusión, acoller ao alumnado novo e promover dinámicas positivas dentro da aula.
Hoxe, xa na 3ª edición, esta proposta converteuse nunha das experiencias máis transformadoras do centro, demostrando que a convivencia tamén se aprende e constrúe entre iguais.
