No CEIP López Ferreiro levamos varios cursos incorporando, de maneira sistemática e continuada, a aprendizaxe de técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar (RCP), primeiros auxilios e uso do DESA (Desfibrilador Externo Semiautomático), co convencemento de que educar tamén implica preparar ao alumnado para actuar con seguridade, responsabilidade e serenidade ante posibles situacións de emerxencia.
Por iso, no noso centro estas aprendizaxes non se entenden como experiencias puntuais, senón como unha liña de traballo estable que se retoma, practica e revisa cada curso, favorecendo a súa consolidación e evitando que coñecementos tan valiosos queden no esquecemento.
Hai xa uns cursos, o profesorado de Educación Física, acompañado do alumnado que desenvolvía o Practicum I e II na nosa escola, impulsou unha primeira proposta global na que todo o alumnado se achegou maneira práctica e adaptada á súa idade, ás técnicas básicas de RCP e ao transporte seguro de persoas feridas, comprendendo a importancia de actuar con rapidez, coordinación e calma cando alguén precisa axuda.
Posteriormente, esta liña de traballo ampliouse coa colaboración de alumnado de Enfermaría na USC, que desenvolveu sesións prácticas centradas no coñecemento e manexo do DESA (Desfibrilador Externo Semiautomático). Uns meses despois, volveron ao centro para avaliar o grao de adquisición e consolidación das aprendizaxes desenvolvidas.
E porque as aprendizaxes que poden salvar vidas merecen ser coidadas e actualizadas, durante este curso volvimos realizar un repaso destas técnicas en todas as aulas do centro, reforzando unha vez máis a importancia de saber coidar, axudar e actuar cando alguén o precisa.
