Este xuño, e seguindo xa unha tradición que levamos varios anos compartindo, decidimos rematar o curso cunha proposta moi especial: a celebración do San Xoán, unha das festas máis emblemáticas da cultura galega, ligada á chegada do verán e á natureza.
O xoves, coa axuda das persoas do equipo de medio ambiente e dos axudantes do horto, achegámonos a recoller flores e diferentes herbas de San Xoán, que deixamos preparadas e a remollo durante toda a noite, ao luar, como marca a tradición.
O venres, último día de escola, todo o ciclo de Infantil reuniuse no patio para vivir xuntos/as esta celebración tan especial. Comezamos lavando a cara coa auga das herbas, seguindo este antigo costume popular que simboliza a purificación e a boa sorte para o novo ciclo que comeza co verán.
Despois compartimos outro dos clásicos desta data, pan con sardiñas, antes de chegar ao momento máis esperado: o salto da cacharela. Segundo a tradición galega, saltar o lume nove veces axuda a afastar os malos espíritos e atraer a fortuna. No noso caso, contamos cunha cacharela moi especial elaborada en feltro, que nos permite manter viva esta tradición dunha forma segura, divertida e adaptada ao alumnado máis pequeno.

E como xa é costume, a nosa cacharela non pasa desapercibida… cada vez que o alumnado de Primaria pasa camiño do seu patio, tamén aproveita para dar algún salto e sumarse á celebración.
Un xeito moi especial de despedir o curso, dar a benvida ao verán e seguir mantendo vivas as nosas tradicións.