Mellorando o video
TRANSICIÓNS
Para pasar dun clip a outro, podemos aplicar unha transición. As transicións utilízanse para pasar gradualmente cun efecto de varrido, de esvaecemento... Hai moitas transicións dispoñibles:

1. En primeiro lugar, teremos que colocar os fragmentos de vídeo en pistas diferentes pois as transicións aplícanse entre clips situados en distintas pistas.
2. Para inserir a transición que escollemos, prememos nela e arrastrámola sen soltar ata colocala na posición que queremos que ocupe.
Os fragmentos de vídeo deben compartir unha parte da liña de tempo. No fragmento de tempo en que estean ambas á vez, a transición ocultará unha e mostrará a outra.

3. Para movela de lugar, cómpre activar o modo Seleccionar na barra de ferramentas e arrastrar a transición para unha nova posición.
4. Tamén podemos modificar o tamaño dunha transición. Para redimensionala, activamos Modificar o tamaño na barra de ferramentas e arrastramos o estremo esquerdo ou o dereito.
Como podes ver, na transición que colocamos aparece unha frecha cara abaixo. Debido a que as transicións se mesturan entre dúas pistas, é preciso marcar en que dirección se vai facer a mestura. A frecha que sinala abaixo indica que a transición comezará no vídeo 1 da Pista 3 e seguirá co 2 da Pista 2.
Para cambiar a dirección dunha transición, facemos clic no botón dereito do rato sobre unha transición e eliximos Cambiar dirección.
Para eliminar unha transición, facemos clic dereito nunha transición e prememos en Eliminar.
EFECTOS
Os efectos permítennos manipular de xeito sinxelo o vídeo ou o audio dun clip. Con eles, podemos agregar efectos ao noso vídeo, como poden ser: axustar o ton dunha cor, distorsionar, simular unha película antiga ou de debuxos animados, eliminar a cor azul, verde ou vermella, facer ondas, desenfocar...
OpenShot dispón de máis de 40 efectos:

Para acceder a esta función, simplemente prememos na pestana Efectos e escollemos unha das opcións. Logo, arrastrámola sobre o clip do vídeo escollido. Veremos que aparece unha pequena icona con forma de rosca, isto indícanos que xa está incorporado o efecto ao clip:

INSERIR TITULOS
Con OpenShot podemos colocar títulos en calquera lugar do noso vídeo: no inicio, na metade, ou ao finalizar o vídeo.
1. Para facer uso desta función, imos ao menú Proxecto > Novo título.
2. Deseguido, aparecen varios modelos de títulos que ten OpenShot Vídeo Editor; elixiremos un deses modelos.
3. Editamos os textos do título; tamén podemos cambiar o tamaño da letra, a cor, o tipo de fonte...

4. Agora xa temos o clip do título na biblioteca así que só nos queda arrastralo para o lugar onde queiramos poñelo.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0