3. Contribución da Electrotecnia ao desenvolvemento das competencias clave
Esta materia favorece a reflexión sobre as implicacións tecnolóxicas e sociais do coñecemento científico e tecnolóxico. Analizando a forma na que o progreso técnico nos campos da electricidade e da electrónica inflúe na sociedade actual e se reflicte en normas respectuosas co ambiente e coa seguridade pode amosarse que é posible potenciar o benestar social ao tempo que se reduce o impacto ambiental da aplicación da tecnoloxía. Neste senso, a materia de electrotecnia pode contribuír notablemente á toma de conciencia dos futuros cidadáns e cidadás diante dos retos tecnolóxicos, outro aspecto clave da formación do alumnado, que sen dúbida repercutirá no benestar da sociedade do século XXI.
No desenvolvemento desta materia deberase ter en conta o principio de igualdade por razón de xénero fomentando o libre acceso das mulleres ás profesións técnicas sen condicionamentos provocados pola influencia dos prexuízos e estereotipos sexistas.
Os fenómenos electromagnéticos e os seus efectos atópanse entre os campos do coñecemento actual que producen máis aplicacións tecnolóxicas innovadoras. Na electrotecnia estúdanse as aplicacións técnicas da electricidade, entre as que se inclúen os circuítos eléctricos e electrónicos, e as máquinas eléctricas e as instalacións e sistemas eléctricos. Estas aplicacións modifican substancialmente os procesos de produción e impulsan a economía porque aceleran a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico, e optimizan a xestión do coñecemento. A comprensión dos fundamentos de tales fenómenos e o coñecemento dos sistemas nos que se aplican é, polo tanto, un aspecto clave da formación tecnolóxica.
A materia de electrotecnia, neste sentido, apoiase nos coñecementos adquiridos en etapas educativas anteriores e nas materias de física, de tecnoloxía industrial e de matemáticas do bacharelato para aportar ao currículo un valor formativo adicional, resultante da relación entre o coñecemento científico e a aplicación tecnolóxica, de especial importancia cara a estudos posteriores.
Na ensinanza da electrotecnia trátase de desenvolver de maneira equilibrada os tres eixes transversais que a configuran. Por unha parte formalízase a teoría de circuítos eléctricos para aplicala a dispositivos e instalacións eléctricos. En segundo lugar, preséntanse as solucións técnicas que permiten a utilización da electricidade nunha ampla variedade de aplicacións e, en terceiro lugar, realízanse ou simúlanse montaxes nas que se miden parámetros eléctricos. A electrotecnia, neste sentido, aporta actividades que combinan a análise, a simulación e a aplicación, contribuíndo a desenvolver competencias establecidas no currículo, especialmente a competencia matemática e a competencia en ciencia e tecnoloxía.