1. Introdución e contextualización
O I.E.S. de Vilalonga está emprazado nunha zona rural, no lugar da Salgueira, parroquia de Vilalonga, concello de Sanxenxo (Pontevedra), e comezou a súa actividade en novembro de 1980 como instituto de Formación Profesional. En 1989 fundiuse baixo a denominación actual co Instituto de Bacharelato que se creara ao seu carón.
A oferta educativa do Centro abarca desde a ESO e o Bacharelato (Científico-Tecnolóxico e de Humanidades e Ciencias Sociais), os Ciclos Formativos de Grao Medio (Xestión Administrativa e Electromecánica de Vehículos) e Superior (Administración e Finanzas), a Formación Profesional Básica (Mantemento de Vehículos e servizos Administrativos) até a ensinanza de adultos (Nivel II de Educación Secundaria de Adultos e a Oferta Modular do Ciclo Medio de Xestión Administrativa).
Respecto do alumnado, debemos distinguir dous grupos: o que chega para cursar o 1º curso nos distintos niveis e os que xa son alumnos do Centro nos demais cursos. No primeiro grupo atópase o alumnado de 1º de ESO, que provén maioritariamente dos tres centros adscritos de Primaria, (Vilalonga, Nantes e Noalla), mentres que en 1º de Bacharelato a procedencia é do noso Centro (4º de ESO), do IES de Sanxenxo, do IES de Meaño e do centro concertado Abrente. No que respecta aos Ciclos Formativos, unha parte do alumnado tamén é do propio Centro e o resto ten distinta orixe: Sanxenxo, Meaño, O Grove e mesmo Pontevedra. Nos restantes cursos de ESO, Bacharelato e Ciclos o alumnado é o que prosegue os seus estudos, ao que ocasionalmente se suma algún outro que cambia de centro por diversos motivos.
O perfil do alumnado na zona de influencia do centro ten un trazo destacado na falta de esforzo e de valoración do estudo favorecidas polas dúas actividades económicas máis influentes nos concellos de orixe, que son a vitivinícola e a de servizos no turismo. Deste xeito, a ligazón do alumnado a estas actividades reduce, ao longo do curso e sobre todo na convocatoria extraordinaria de setembro, o seu rendemento académico como resultado da importancia que no ámbito familiar se lle concede ao diñeiro como meta social. Esta dificultade faise máis patente na secundaria obrigatoria e no 1º curso de Bacharelato porque este alumnado amosa problemas de aprendizaxe por non ter desenvolvidas as habilidades necesarias para o estudo dado que lles custa traballo aprender e non están afeitos a esforzarse. Por outra parte, os casos de indisciplina tenden a reducirse nos últimos anos e están localizados case exclusivamente nos primeiros cursos do ensino obrigatorio (1º e 2º de ESO e FPB).
A tecnoloxía desenvolve un papel fundamental na sociedade actual, porque proporciona un conxunto de coñecementos e de técnicas que permiten satisfacer as necesidades individuais e colectivas. Neste sentido, a tecnoloxía aporta ao currículo a capacidade de analizar e redeseñar a relación entre dispositivos tecnolóxicos e necesidades sociais, ámbito no que a innovación e a condición de immediata que lle son propias dotan estas ensinanzas dunha gran relevancia educativa. Na resolución de problemas tecnolóxicos conxúganse, ademais da innovación, elementos como o traballo en equipo ou o carácter emprendedor, que son imprescindibles para formar unha cidadanía autónoma e competente. Ademais, o coñecemento da tecnoloxía proporciona unha imprescindible perspectiva científico-tecnolóxica sobre a necesidade de construír unha sociedade sustentable, formada por unha cidadanía crítica con respecto ao que acontece ao seu arredor.
A materia de Robótica trata de lograr estes fins abordando un amplo conxunto de temas e a través da resolución de problemas. Así, o bloque "A Robótica" trata sobre a evolución deste tipo de máquinas e proporciona orientacións sobre a súa previsible evolución para favorecer a investigación da súa influencia na sociedade e no contorno. No bloque "Programación e control" trátanse os aspectos de programación e de control necesarios para desenvolver as funcións dun sistema robótico. No bloque "Proxectos de robótica" trátase o proceso de desenvolvemento dun robot integrando os aspectos de hardware e de software descritos nos bloques anteriores. Este bloque incorpora, ademais, os aspectos relacionados coa elaboración e publicación da documentación para proxectar, construir e programar un robot, e para verificar que o se funcionamento se ateña ás especificacións previstas.