Aquí atoparedes modelos das últimas probas ABAU cos seus criterios de avaliación. Aquí tedes tamén a ligazón para acceder aos modelos de probas ofrecidos neste ano 2024 e mais os criterios de avaliación: https://ciug.gal/gal/abau/lingualiteraturagalega
Tamén encontraredes material adicional para completar os apuntamentos do libro e as explicacións das aulas.
Nesta Unidade traballamos diferentes aspectos da fonética e fonoloxía da lingua galega. Centrámonos no sistema vocálico e consonántico e nos fenómenos de vacilación.
UNIDADE 9
Ao longo destas sesións veremos o contexto histórico, social, cultural e lingüístico deste período. A continuación traballaremos coa poesía dividíndoa en dúas partes: a poesía das Irmandades e a poesía das Vangardas.
Coloco dous vídeos en que se resumen os contidos literarios. A maioría dos vídeos foron creados polo youtuber Neeumatiko.
Nesta Unidade 4 repasouse a estrutura e a formación de palabras, incluídos os verbos.
Comezamos a ver a prosa do primeiro terzo do XX, en primeiro lugar revisamos o contexto e a continuación procedemos a repasar as características da Xeración Nós. Traballamos coa obra de Vicente Risco e Otero Pedrayo, Castelao e Rafael Dieste.
Léronse varios textos dos autores e realizáronse as actividades 3 (páx. 167) e 6 (páx. 168), 7 e 9 (páx. 169).
Como sempre, coloco embaixo ligazóns para aulas invertidas ou para que poidades repasar ou afondar nalgunha das figuras.
Este é un dos vídeos dunha serie de 6 sobre Vicente Risco, unha das persoas que fundaron a nosa lingua e cultura modernas. Con este repositorio preténdese dar unha visión renovada e rigorosa no contido e na forma da súa figura, para chegar a un público amplo, non erudito, e, sobre todo, para que sirva de ferramenta pedagóxica. Os 6 vídeos, sumados, forman unha peza completa que versa sobre as distintas facetas do intelectual: artista, divulgador, etnógrafo, mestre, místico, literato, xornalista, pensador e teórico político. A serie documental conta co asesoramento da Fundación Vicente Risco.
Iniciativa de Tecnología Gallega y Comunicación SL realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
Víronse os bloques dialectais e os trazos característicos de cada unha das áreas en que estes se dividen. As actividades que se deben facer desta Unidade son a 1 e a 2 das páxinas 90 e 91. A ferramenta empregada para ver algúns exemplos orais destes fenómenos foi o ARQUIVO DO GALEGO ORAL.
Comezamos a ver a poesía creada neste período. Procedimos a ver o contexto socio-histórico e cultural e continaumos coa poesía publicada no exilio para continuar coa literatura publicada no noso país.
A unidade 13 é a dedicada á prosa publicada durante a guerra civil e 1976, evidentemente as publicacións feitas na inmediata posguerra serán as do exilio. Para situarmos este tema, o 12 e o 14, tamén veremos o contexto histórico, social e cultural.
Ademais de traballar a prosa editada no exilio, revisamos e limos textos de autores e autores da Nova Narrativa Galega, e da prosa non tan rupturista editada en Galiza neste período.
Realizar as actividades das páxinas 232 e 233 de preparación para a PAU.
RECORDADE IR REALIZANDO ESQUEMAS QUE VOS AXUDEN A TER UNHA PANORÁMICA DE TODO O VISTO.
Revisamos termos como significado denotativo e connotativo, campo semántico, sinonimia, antonimia, polisemia e homonimia ou cambios semánticos. Realizáronse as actividades 1, 2, 3, 6, 9, 10, 11, 12, 13, 15, 17, 18, 19 e 20 da páxina 78 e 79.
Nesta Unidade traballaremos o contexto lingüístico da Península ibérica e revisaremos algúns conceptos claves que nos axudarán a enfrontármonos aos comentarios sociolingüísticos. Para iso organizamos as sesións en exposicións orais que a docente irá matizando se fose necesario.
Nesta unidade estivemos a traballar a situación da lingua galega tras a democracia. Nas ABAU as cuestións relacionadas con esta materia serán formuladas a través do comentario dunha viñeta, un gráfico ou un texto escrito.
Nesta unidade traballamos cales foron os criterios para a elaboración do galego estándar, as súas funcións, a historia, a normativización e mais os prexuízos lingüísticos.
Entrevista a María Lado, poeta actual que achega a poesía mesmo a quen non lle agrada a poesía.