Saltar navegação

Tema 4. Proporcionalidade geométrica

Leitura

Fontán* deixou o lapis uns intres e descansou a vista. Levaba empoleirado case todo o día alí enriba coa prancheta sobre o trípode para trazar a visual de toda a contorna: San Cosme, Veiga, Arteixo, Culleredo, Elviña...

As pombas, molestas pola súa constante presenza, anoxaran os niños e voaran cara ao nordeste nunha desordenada bandada que empardecera o horizonte ata desaparecer na distancia.mapa

Corría o mes de novembro de 1816 e ía para varios días que permanecía no pazo dos Loriga, na parroquia de Santiago de Sigrás. Antonio Loriga, o seu dono, un bo amigo e liberal coma el, tivera que marchar á Coruña para atender asuntos urxentes e Fontán quedara ao coidado dos caseiros.

Ademais de traballar arreo, Fontán puxera as súas ideas en orde e reflexionara sobre o proxecto que viña de comezar mentres paseaba polo fermoso xardín do pazo. Nel atopou un acougo que levaba tempo senb sentir. O borboriño de auga da fonte tranquilizábao e, mentres fitaba as sebes xeométricas que unhas mans anónimas recortaran, matinaba.

Esa forma precisa e harmoniosa aniñaba na cerna do arbusto ventureiro e tivera que ser un xardineiro quen, co seu coñecemento e habelencia a revelase. O mesmo acontecería coa súa carta xeométrica. Galicia, montaraz e imprecisa, ficaba aí e el sería quen a percorrese para fixar a súa forma. Esa era a súa tarefa, definir, perfilar, alumear as sombras. A luz do coñecemento fronte o negrume da ignorancia que acotío o axexaba.

Trecho do livro "Fontán", de Marcos Calveiro, Ed. Galaxia, 2015.

*Domingo Fontán foi o autor da Carta Geométrica, o primeiro mapa científico da Galiza.