A ESO é unha etapa educativa obrigatoria de catro cursos destinada ao alumnado de 12 a 16 anos. O seu obxectivo é garantir unha formación integral que permita ao estudantado desenvolver as competencias básicas, madurar a nivel persoal e social e preparar o seu futuro académico ou profesional.
Ao finalizar a etapa, obténse o Título de Graduado/a en ESO, que permite continuar estudos de Bacharelato, Formación Profesional de Grao Medio ou incorporarse ao mundo laboral.
A ensinanza organízase en materias obrigatorias e optativas, e en 4º da ESO o alumnado pode orientar os seus estudos cara a itinerarios máis académicos ou máis aplicados, segundo os seus intereses e proxecto formativo.
O Bacharelato é unha etapa educativa non obrigatoria de dous cursos destinada ao alumnado que desexa continuar a súa formación tras obter o título de ESO. Ten como finalidade ampliar a madurez intelectual e persoal do estudantado, consolidar competencias clave e preparalo para estudos posteriores.
Esta etapa ofrece modalidades e itinerarios que permiten ao alumnado orientar a súa formación segundo os seus intereses e proxecto de futuro. Ao rematar, obténse o Título de Bacharel, que dá acceso a estudos universitarios, Formación Profesional de Grao Superior ou outras ensinanzas superiores.
O Bacharelato combina materias comúns, que garantizan unha formación xeral, con materias de modalidade e optativas, que permiten profundar nos ámbitos máis afíns ás aspiracións académicas e profesionais de cada estudante.
A Formación Profesional ofrece ensinanzas orientadas á adquisición de competencias profesionais que permiten ao alumnado incorporarse ao mercado laboral con cualificación ou continuar estudos de nivel superior. A FP destaca pola súa orientación práctica, pola conexión directa co tecido empresarial e pola súa alta empregabilidade.
A oferta estrutúrase en Ciclos Formativos Básicos, Ciclos Formativos de Grao Medio e Ciclos Formativos de Grao Superior, en función das necesidades de cada persoa.
Todos os ciclos inclúen módulos profesionais teóricos e prácticos, así como un período de formación en empresas do sector.
Estas ensinanzas están dirixidas a todas aquelas persoas que non puideron completar a súa formación básica no seu momento ou desexan ampliar os seus coñecementos.
Organízase en módulos e ámbitos que permiten avanzar ao ritmo propio, en modalidade presencial. A súa finalidade é facilitar a continuidade formativa, mellorar a cualificación profesional e favorecer a inserción laboral.
Ensinanzas iniciais
Orientado para quen precisa adquirir competencias fundamentais en lectoescritura e cálculo ou prepararse para acceder á educación secundaria.
Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESPA)
Vía que permite obter o título de graduado ou graduada en educación secundaria a todas aquelas persoas que, por razóns laborais, familiares ou persoais, non puideron cursala no seu momento polo réxime ordinario.
As ensinanzas non regradas que ofrece o noso centro están dirixidas a persoas que desexan ampliar as súas competencias persoais, comunicativas e dixitais nun contorno formativo flexible e adaptado ás súas necesidades.
O curso para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) está destinado a potenciar as competencias lingüísticas, preparando ao alumnado para o mundo laboral e académico actual. Estes cursos ofrecen un impulso extra no idioma fóra do horario lectivo habitual e permite preparar as probas de acreditación oficial dos diferentes niveis do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).
Os cursos de lingua galega e castelá están pensados para persoas migrantes que chegan á nosa comunidade e precisan adquirir ou reforzar as competencias lingüísticas básicas para comunicarse con autonomía na vida diaria. A metodoloxía combina actividades orais e escritas, dinámicas participativas e recursos adaptados aos diferentes niveis de competencia lingüística.
Os cursos de informática están dirixidos a persoas adultas que desexan iniciarse no manexo das tecnoloxías dixitais. A formación abrangue un nivel inicial de uso do ordenador, xestión de arquivos e navegación segura.
