Section outline

  • Curso 1988-1989
    Confraternización en Pontedeume


    • Prevíase para este curso o traslado ás novas instalacións do centro, que se estaban a construír en Mugardos; pero as obras comezaron a experimentar retrasos na entrega, polo que o curso 87/88 tivo que impartirse, coma o anterior, en Pontedeume, nas instalacións do actual IFP "Fraga do Eume". Este feito ocasionou certos problemas de funcionamento aos dous centros que, vendo aumentada considerablemente a matrícula, tiñan que convivir con horarios e organizacións distintas. Entre os que poderiamos chamar problemas de convivencia poden ser mencionados os seguintes:

      • O timbre do centro daba os cambios de hora para o IFP mentres que os avisos de cambio de hora no IB Mugardos eran dados polo bedel petando nas portas das aulas.
      • A sala de profesores era utilizada conxuntamente e xurdiron problemas de espazo que se solucionaron cun reparto equitativo do mobiliario e da superficie a ocupar polos docentes de cada centro. Entón xurdiu o problema polo consumo de tabaco, pois non había lugares alternativos para fumar e todos querian exercer o seu "dereito" na sala de profesores. Non fai falta dicir que a normativa contra o consumo de tabaco non estaba tan desenvolvida como agora.
      • A fotocopiadora e as demais máquinas reprodutoras eran do IFP Pontedeume. A dúbida era se os de Mugardos tiñan dereito a utilizalas. A administración deu resposta afirmativa, pero entón quen podía manipulalas?O IB Mugardos foi dotado cunha perosa encargada da limpeza. Tiña que limpar a cociña e as dependencias propias do IFP? De non ter que facelo, como se podía facer o reparto de dependencias a limpar?

      Como se pode supoñer, todos estes problemas foron solucionándose con sentido común e o principio de boa vecindade. Conseguiuse un ambiente moi agradable que rematou cunha memorable xornada de confraternización entre os dous centros.

      Durante este curso impartíronse os tres cursos de BUP, cun total de 237 alumnos dos concellos de Ares e Mugardos. Houbo así, tres grupos de 1.º BUP; tres grupos de 2.º BUP; e dous grupos de 3.º BUP. O alumnado, malia ter que madrugar para trasladarse en autobús e comezar as clases ás 8:15, mostrábase contento en Pontedeume. Cando tiñan oportunidade, nos recreos e os mércores a última hora, visitaban a vila e relacionábanse cos alumnos e alumnas do outro centro. Cómpre facer constar que, previsiblemente para disfrutar de máis horas de "turismo e convivencia", neste curso proliferaron as ameazas de bomba que motivaban o desaloxo do centro. Dábase con tante frecuencia que as direccións dos dous centros tiveron que empregarse a fondo ata conseguir que desapareceran.

      Houbo directiva nova porque o I.B. Mugardos apareceu xa como un centro novo no concurso de traslados. Entre os profesores que obtiveron praza definitiva, a administración nomeou o equipo directivo que tomou posesión o 1 de xullo de 1988. Este equipo, o segundo do centro, estaba formado por:

      Directora: Covadonga Rodríguez-Moldes Rey
      Xefe de Estudos: Alejandro Porto Andión
      Vicedirector: Rafael Lago Santamaría
      Secretario: Xosé María Sánchez Río

      O claustro estaba formado por 20 docentes, oito deles xa con praza definitiva no centro (sinalados con *)


      Pedro Vázquez García (*)
      Inglés


      Pilar Garabana Barro
      Inglés


      M.ª Carmen Iglesias Quintela (*) Física e Química


      Antonia Filgueiras
      Galego


      Xosé Manuel Sánchez Río (*) Galego


      Alejandro Porto Andión (*) Ciencias


      Félix Retuerto Franco
      Ciencias


      M.ª Jesús Castro Ponte
      Castelán


      Enrique Gómez Rey
      Castelán


      Manuel González Probados (*) Xeografía e Historia


      José Manuel Varela Padín (*) Xeografía e Historia


      Covadonga Rodríguez-Moldes (*) Matemáticas


      Manuel Rodríguez Cabana
      Matemáticas


      José Antonio Carpente Sardiña
      Matemáticas


      Rafael Lago Santamaría (*) Latín


      Alberto Ansede Estraviz
      Filosofía


      Manuel López Calo
      Relixión


      M.ª Elena Faraldo Rodríguez
      Educación Física


      Eduardo Mayáns Labarta
      Debuxo


      Olga Rodríguez López
      Francés


      En canto ao persoal non docente, aparecen xa nomes que nos acompañaran ata a actualidade.

      Admistrativa: M.ª Josefa Martínez Vidal
      Limpadora: M.ª Jesús Calvo Barro
      Bedel: José Castro Guerra
      Bedel: Juan Rañales Prados

      Este segundo bedel foi concedido despois de ser solicitado con insistencia en previsión das necesidades cando o centro funcionase en Mugardos. Tamén foi solitada outra persoa de limpeza que se incorporaría en Mugardos.

      Os representates dos pais no Consello Escolar foron Graciela Barata Rey e Ángeles Bastida Veiga. Como representantes do alumnado exerceron M.ª José Tizón Tabeayo, Dulce Rodríguez Anido, Roberto Vilariño Rico e Juan José Álvarez González.

      A dotación para o ano foi de 2.229.900 pesetas, se ben a Consellería entregou a cantidade de millón e medio en concepto de posta en marcha do novo centro. Este feito orixinou problemas de importancia xa que a administración pedía que esta cantidade fora investida e xustificada antes de que o edificio estivera entregado pois, de non facelo así, tería que ser devolta. Esta esixencia, por absurda, foi discutida e tratada con bastande intensidade polo Consello Escolar, pero supuxo que a posta en marcha do instituto no novo edificio en Mugardos, un ano despois, tivera problemas orzamentarios.

      Como xa dixemos, neste curso a matrícula acada os 237 alumnos/as. Créase a primeira Xunta de Delegados ao amparo do Decreto de Dereitos e Deberes dos Alumnos, publicado en decembro de 1988.

      Quizais o que máis quede na memoria dos alumnos do último curso sexa a excursión de fin de estudos a Benalmadena. Ou o curioso reparto de leite subvencionado. Esta actividade consistía en aceptar o leite a baixo custo que se ofrecía aos centros e que estes repartían cun sistema de vales semanais que lle custaba 25 pesetas a cada alumno e daba dereito a un cartón de medio litro diario para beber durante o recreo.